Xustiza

O xulgado de Noia abre dilixencias penais contra a mineira de San Finx por un presunto delito contra o medio ambiente

A denuncia incorporaba analíticas "coas que se demostra a presenza no río de metais pesados procedentes das verteduras", afirman desde a Confraría. (Foto: Nós Diario)
A investigación, agora en mans da Xustiza, parte da demanda interposta polas confrarías de Noia e Portosín, inmersas en diferentes procedementos xudiciais após autorizar o Goberno galego as verteduras procedentes desta explotación ao río Pesqueiras.

O Xulgado de Instrución de Noia, segundo vén de dar a coñecer a Confraría de pescadores deste municipio, decidiu abrir dilixencias penais contra Tungsten San Finx, filial da mineira australiana Pivotal Metals, por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais na explotación que teñen na Galiza. A denuncia, interposta polos patróns maiores das confrarías de Noia e Portosín, Santiago Cruz e Isaac Gaciño, vai dirixida tamén contra Steven Turner e Susana García, administradores da sociedade.

Ese documento presentado en sede xudicial, salientan, incorporaba analíticas "coas que se demostra a presenza no río de metais pesados" procedentes das "verteduras ilegais" realizadas pola mineira, así como diferentes vídeos e imaxes "nos que se observa claramente o punto no que as verteduras se incorporan ao río".

As confrarías denunciantes entenden que a situación actual "é só unha mostra" do que podería acontecer, aseguran, a unha escala moito maior no caso de saír adiante o baleirado das plantas anegadas, "pois isto suporía duplicar o caudal do río cunha inxección de case 1.000 millóns de litros por ano".

A denuncia contiña tamén "evidencias", precisan, de "como entre 2017 e 2020 a mina bombeou ilegalmente augas contaminadas da quinta planta da mina, escavada sen autorización e que non figuraba no proxecto de explotación". "Esta operación ilegal foi financiada a cargo dun proxecto europeo co que se pagou durante varios anos o salario do director da explotación mineira responsable polos vertidos realizados", lamenta a Confraría de Noia.

Alén das dilixencias penais abertas contra a empresa en Noia, celebran que os xulgados de Santiago iniciaron outro procedemento contra os funcionarios e altos cargos de Augas da Galiza responsábeis pola resolución de verteduras concedida o pasado mes de febreiro pola Xunta. E a isto súmanse outros dous procedementos xudiciais contra funcionarios e altos cargos do departamento de Minas "a raíz da situación irregular" na que, denuncian, está a propia mina.

Desde as confrarías avanzan a presentación, esta mesma semana, unha nova demanda contra a autorización de verteduras diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, logo de que a Xunta "non dese resposta" ao recurso de alzada interposto por "unha ducia de entidades", iso "a pesar da súa obriga de resolvelo en tres meses", lamentan.

E tamén a pasada segunda feira outros colectivos como Ecoloxistas en Acción e a Fundación Montescola presentaron unha demanda exixindo, "en todos os casos", medidas cautelares para que a Xustiza galega paralice as citadas verteduras "antes de que causen un dano grave". Namentres, proseguen e intensifícanse as mobilizacións na rúa contra a mina de San Finx.