Xustiza

Emisións de cal viva: un xulgado investiga a denuncia sobre contaminación nas Somozas

Emisións contaminantes en Sogarisa. (Foto: Adega)
Abre dilixencias para aclarar o suposto uso de cal viva.

O Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol acordou incoar dilixencias previas para determinar se existe un delito contra a ordenación do territorio a raíz dunha denuncia formulada por Ecoloxistas en Acción e a Asociación Galega de Consumidores e Usuarias (Acouga) en relación a emisións de cal viva no procesamento dos residuos industriais na planta das Somozas (Ferrolterra). 

As organizacións formularon a denuncia en relación ao Centro de Tratamento de Residuos Industriais da Galiza (Ctrig) das Somozas, que está xestionado por Sogarisa, antiga entidade pública na que, segundo recordan nun comunicado, "agora participa a Xunta da Galiza nun 10%, xunto coa UTE PMA-Conteco". Na súa denuncia, as entidades alertaban de que o pasado 24 de xaneiro a planta desprendeu vapores con presenza de CaO (óxido de calcio ou cal viva), que se usa como reactivo para estabilizar os residuos líquidos perigosos que se tratan. 

Segundo consta no seu escrito, esas emisións "xa reiteradas" constitúen "unha aberta vulneración da normativa de Prevención e Control Integrado da Contaminación (IPPC), xa que estes procesos con cal deben realizarse "nunha instalación estanca con aspiración e supresión de partículas". O obxectivo, resaltan, é impedir, precisamente, a emanación de elementos nocivos para a saúde humana e animal. 

Non obstante, neste episodio que motivou a denuncia, os promotores da mesma indican que os residuos foron depositados "nuns predios próximos propiedade dun gandeiro das Somozas que os usa para alimentar o seu gando". Así, no auto con data do 15 de febreiro de 2024, encoméndase ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil que proceda a practicar xestións encamiñadas a esclarecer os feitos investigados, interesando que informen o xulgado sobre os feitos denunciados nas Somozas. 

A planta funciona "de maneira correcta"

A Xunta da Galiza defendeu onte que, a comezos deste ano, persoal do Servizo de Intervención Ambiental da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Medio Ambiente comprobaron que a planta das Somozas funciona de maneira "correcta" e que xa non emprega a antiga planta de estabilización para a inertización de residuos de cal.