Un xulgado decreta o falecemento dos 12 mariñeiros desaparecidos do 'Vila de Pitanxo'

Concentración en Marín en apoio ás familia das vítimas do 'Vila de Pitanxo' (Foto: Álvaro Ballesteros).
Familiares dos doce mariñeiros desaparecidos no naufraxio do pesqueiro galego 'Villa de  Pitanxo' informaron de que o Xulgado de Instrución número 2 de Vigo decretou o falecemento das persoas cuxos corpos non foron achados tras a traxedia.

Familiares dos doce mariñeiros desaparecidos no naufraxio do pesqueiro galego 'Vila de  Pitanxo' informaron de que o Xulgado de Instrución número 2 de Vigo decretou o falecemento das persoas cuxos corpos non foron achados tras a traxedia.

Tal como trasladou María José de Pazo, filla do xefe de máquinas do buque, Francisco de Pazo, o auto xa foi asinado, a pesar de que aínda non se notificou.

Este paso permite que os 12 desaparecidos sexan a partir de hoxe considerados falecidos, aínda que a lexislación estabelece que deben pasar un mínimo de 90 días desde o accidente para que así conste. Con todo, isto acelera o proceso para que os familiares poidan ter un acceso máis rápido ás prestacións que lles corresponden.

Doutra parte, as familias solicitaron ao Goberno que aclare que pasos están a darse para continuar coa procura dos corpos, xa que o Executivo asegurou que se irían comunicando "as opcións que se ían barallando" e pasou unha semana sen ter máis noticias das mesmas.

Ademais, diferentes familiares de vítimas trasladaron que continuarán "pedindo explicacións" sobre o sucedido, porque teñen "dúbidas" sobre que podería pasar para que o barco afundise.

Piden explicacións

Así, non fecharon a porta para interpor unha denuncia polo penal, aínda que recoñecen que non todas as familias estarían de acordo e primeiro queren coñecer o resultado das investigacións que neste momento están a levarse a cabo pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAM), dependente do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.

Sobre estas investigacións tamén falou o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, quen explicou que a  CIAM está a solicitar moita información para saber que ocorreu na madrugada do 15 de febreiro en  Terranova (Canadá).

Touza indicou que "nos próximos días" chamarase a declarar aos sobreviventes, tendo unha "gran importancia" o testemuño do patrón do barco, Juan Padín, xa que axudará a esclarecer algunha das causas que puido provocar o suceso.

Touza indicou que a pesar de sobrevivir, "non deixan de ser vítimas", que na actualidade aínda teñen un "shock psicolóxico importante" polo acontecido.

Sobre a posíbel inmersión ao buque para a procura de corpos, o presidente de ARVI lembrou que o Goberno contactou unha empresa con sede en Vigo que conta cun robot mergullábel que "en poucos días" podería desprazarse a Canadá se así se decide, o cal facilitaría imaxes do exterior do buque, mais sen poder entrar no mesmo.

Traxedia

Foi na madrugada do pasado 15 de febreiro cando se deu a voz de alarma ao coñecer o afundimento do pesqueiro galego 'Vila de  Pitanxio' en augas de  Terranova (Canadá).

Eran as 05.24 horas cando o Centro Estatal de Coordinación de Salvamento, con base en Madrid, recibiu dúas alertas automáticas do buque, un arrastreiro conxelador de 50 metros de eslora da Armadora Nores con base en Marín (Pontevedra), que pescaba fletán.

Segundo as primeiras informacións, as duras condicións climáticas da zona, con ondas de máis de cinco metros de altura, poderían provocar un golpe de mar que afundiría o buque en cuestión de minutos.

Os labores de rescate encontraron con vida tres dos mariñeiros: o patrón do arrastreiro, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial, e o senegalés Samuel  Kwesi. Ademais, foron achados sen vida novo corpos dun total de 24 tripulantes que nese momento viaxaban no barco.