Un xulgado confirma a orde de demolición de 52 chalets de luxo en primeira liña de praia no Grove

Imaxe: tucasa.com

A lexislación prohibe usos residenciais nese tipo de chan, unha zona boscosa que chega á praia de Balea-Raeiros

 

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra confirmou a orde de demolición das 52 vivendas da urbanización Raeiros, situada en San Vicente do Mar (O Grove), así como dos camiños e grandes movementos de terra realizados na zona, clasificada como terreo non urbanizable de especial protección de costas. Contra o fallo cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.

 

Na sentenza o maxistrado desestima o recurso interposto por un dos propietarios contra a resolución de outubro de 2017 da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta (APLU) na que insta os titulares dos 52 chalés a cumprir a orde de derriba de 2014. A demolición foi decretada pola Xunta por primeira vez en 2010. O Xulgado do Contencioso-administrativo tamén lle impón ao recorrente o pago de costas.

 

A sentenza explica que a lexislación prohibe usos residenciais nese tipo de chan, unha zona boscosa que chega á praia de Balea-Raeiros. En 1993 o propietario obtivo unha licenza para construír un apartahotel de uso turístico, pero, segundo consta no fallo, construíu os 52 chalés con uso de vivenda e vendeunos a diferentes propietarios. En 2007 a Xunta requiriulles a implantación de uso hostaleiro e a disolución da parcelación mediante a unificación de todas as casas nunha soa propiedade, pero ignoraron a orde. En 2010 a APLU ordenou a demolición e volveu requirila en 2014. O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra confirmou na sentenza esa última orde de demolición.  

 

A licenza de obras ía unida á de actividade. Sen o uso de hotel (sen parcelación) todo o construído carece de sentido”, subliña o xuíz no fallo, no que tamén apunta a posibilidade de que a licenza do hotel de 1993 caducase.