Un xulgado avala a procura e o illamento obrigatorio contra un home con coronavirus

O xuíz ratificou a procura e o illamento obrigatorio deste veciño contaxiado de coronavirus (Foto: EP).
O doente, que fora diagnosticado o domingo, non respectou o confinamento no seu domicilio, e agora a xustiza ratifica a medida adoptada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que acordou o "illamento obrigatorio no seu domicilio ou, de non ser posíbel, no centro que se considere oportuno".

O Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago ratificou a procura e o illamento obrigatorio acordado pola Consellería de Sanidade contra un home, veciño da provincia da Coruña, que deu positivo por COVID-19, para que se lle aplique "a medida sanitaria correspondente" e "até que deixe de representar un risco para a saúde pública".

O doente, que fora diagnosticado o domingo, non respectou o confinamento no seu domicilio, e agora a xustiza ratifica a medida adoptada a segunda feira pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que acordou o "illamento obrigatorio no seu domicilio ou, de non ser posíbel, no centro que se considere oportuno", polo tempo que acorde o Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Para ditar esta resolución, con data do día de hoxe, o xuíz tivo en conta un informe dun forense que concluíu que a COVID-19 é unha enfermidade "grave" da que deriva "un risco sanitario" tanto para si mesmo como para outras persoas.

Ademais, o auto asegura que a medida adoptada por Saúde Pública ten "suficiente amparo legal" e está dirixida a un fin "constitucionalmente lexítimo" como é "a defensa da saúde pública, a integridade física e a saúde da poboación en xeral".

De feito, nos fundamentos de dereito o xuíz lembra sentenzas precedentes e valora que os xulgados do Contencioso-Administrativa teñen atribuída "a autorización ou ratificación xudicial" daquelas medidas "que as autoridades sanitarias consideren urxentes e necesarias" e que poidan implicar "privación ou restrición da liberdade ou doutro dereito fundamental".

Así mesmo, a Lei Orgánica sobre Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública habilita ás administracións "para, dentro das súas competencias", poder adoptar medidas "cando así o esixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade".

Así, entre as medidas que recolle esta norma, está o "recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control" de persoas infectadas de enfermidades transmisíbeis, e mesmo doutras que estean ou estivesen en contacto con elas.

Por todo iso, en vista do informe que acompaña a solicitude de Sanidade e tras o seu exame por parte do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) e Fiscalía -que non se opuxo a esta medida-, o xuíz ratificou a procura e o illamento obrigatorio deste veciño  contaxiado de coronavirus.