"O PP ten no seu punto de mira á mocidade que se rebela contra as súas políticas"

[Imaxes Galiza Nova]

Cinco militantes de Galiza Nova foron xulgad@s esta cuarta feira acusad@s da "falta de deslucimento" dun mural en defensa do ensino público. Medio cento de persoas concentráronse ás portas do xulgado en solidariedade. 

 

Cinco militantes da organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, foron xulgad@s esta cuarta feira en Ponteareas por un suposto delito de "falta de deslucimento" en relación cun mural realizado co gallo da folga estudantil do pasado 20 de febreiro. As cinco persoas xulgadas foron denunciadas "por orde do alcalde" de Mondariz, Julio Alén, quen mesmo "mandou a Garda Civil para nos identificar", explica Miguel Bouzó, responsábel local de Galiza Nova Ponteareas en conversa con Sermos Galiza

Durante o xuízo @s 5 moz@s só responderon ás preguntas formuladas pola avogada da defensa a quen salientaron o "estado de deterioro" no que se atopaba o muro antes de pintaren o mural co lema "Ensino público galego". Aliás, explica Bouzó, "sinalamos que a parede estaba moi 'deslucida' empregando os mesmos termos en que se nos citou a nós ao xulgado". E é que o delito polo que foron denunciad@s fala da "falta de deslucimento" do muro froito do mural.

No entanto, o xuízo foi adiado por non se presentar os axentes da Garda Civil que identificaron @s moz@s

"Accións represivas" para desmobilizar a mocidade

Desde Galiza Nova consideran "ridículo" o acontecido e que podería --de seren declarad@s culpábeis-- levar a est@s 5 moz@s a cumprir unha condea de 15 días de traballos sociais ou 6 días de arresto domiciliario. No entanto, desde a defensa agardan que isto non aconteza ao abeiro de sentenzas anteriores en que se considerou que o muro "estaba xa deslucido por pintadas anteriores". Sexa como for, "depende da xuíza", acrecentan. 

O xuízo foi adiado por non se presentar os axentes da Garda Civil que identificaron @s moz@s

Así as cousas, desde a organización xuvenil denuncian que o xuízo decorrido en Ponteareas esta cuarta feira responde a unha "estratexia" máis ampla do Partido Popular. "O PP ten no seu punto de mira ao ensino público e á mocidade galega que se rebela contra as súas políticas e que reivindica os seus dereitos. Por iso están a levar a cabo accións represivas como aconteceu neste caso en Mondariz e como está a acontecer noutros puntos do país", sinalou o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera. 

Porén, advirten, "Galiza Nova non lles vai dar tregua e seguirá mobilizando á mocidade galega e levando adiante accións de todo tipo na defensa do ensino público galego". 

Medio cento de persoas, entre as que se atopaba o secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, concentráronse ás portas dos xulgados para se solidarizaren c@s cinco moz@s denunciad@s.