Arrinca o xuízo polos feitos que desencadearon o asasinato do deportivista 'Jimmy' con até 84 acusados

Pintada en lembranza de 'Jimmy' nos exteriores do estadio de Riazor. (Foto: Nemigo)
A Fiscalía de Madrid interpreta o sucedido como un enfrontamento "coa única motivación de demostrar ao outro grupo a primacía do seu equipo e da ideoloxía coa que se identifica".

O xuízo pola "multitudinaria liorta" —segundo a Fiscalía de Madrid— que rematou o 30 de novembro de 2014 coa morte de Francisco Javier Romero Taboada, coñecido como 'Jimmy', arrinca esta quinta feira en tres sedes xudiciais diferentes con 84 acusados e con previsíbeis acordos co fiscal para a rebaixa de penas.

A vista oral decorrerá no Xulgado do Penal 23 de Madrid. Serán en total dezaoito sesións, aínda que se poderían reducir se chegan a acordos co fiscal ante un recoñecemento dos feitos. No banco dos acusados sentarán 84 persoas por presuntamente participar na pelexa que enfrontou membros de Riazor Blues, seareiros do Deportivo da Coruña, e Frente Atlético, ultras de ideoloxía neonazi do Atlético de Madrid, tras convocarse polas redes sociais.

Esta vista será en Madrid, mais hai acusados que seguirán o xuízo por videconferencia desde A Coruña e Xixón. A Fiscalía de Madrid pide penas que oscilan entre os 9 meses e os dous anos e medio de cárcere por delitos de rifa tumultuaria, tenencia ilícita de armas e atentado á autoridade cun delito de lesións.

O fiscal pide polo delito de rifa tumultuaria, coa agravante de discriminación ideolóxica, penas de entre un ano e nove meses de cárcere. Este delito impútase a todos os acusados. Así mesmo, reclama a catro deles un ano e medio por tenencia ilícita de armas. E para outros dous pide tamén un ano e dez meses de cárcere por un delito de lesións e atentado.

Armas prohibidas

Fiscalía afirma que os acusados se "convocaron" nas redes sociais "para acudir ás 9 horas" aos arredores do estadio Vicente Calderón "coa única motivación de demostrar ao outro grupo a primacía do seu equipo e da ideoloxía coa que se identifica", sostén o escrito de acusación.

Algúns deles portaban "armas prohibidas e instrumentos perigosos como paus de madeira, de aluminio, porras, bates de béisbol, navallas, mosquetóns e defensas extensíbeis". Como consecuencia dos enfrontamentos varios resultaron feridos e un deles, Jimmy, faleceu.

Por outra parte, a Liga Nacional de Fútbol Profesional (LFP) pide aos acusados até tres anos e medio de cárcere e multas económicas por valor de até 117.000 euros, segundo consta no auto de apertura de xuízo oral. A investigación debullouse da peza que investigaba a morte de Jimmy, que se arquivou por falta de autor coñecido sen que ninguén chegase a xuízo.