O xuízo do caso Samuel, pendente dos EUA

Mobilización na Coruña o 9 de xullo en contra da violencia contra as persoas LGTBI após a morte de Samuel Luiz. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O xulgado pediu as mensaxes dos acusados en WhatsApp e Instagram poucas horas despois da súa detención, porén, a Xustiza dos Estados Unidos aínda non decidiu sobre a solicitude.

A instrución do caso de Samuel Luiz, o mozo asasinado hai pouco máis de seis meses na Coruña, está case rematada. Non obstante, tanto o feche desta parte do proceso xudicial como o comezo do xuízo están paralizados até obter resposta da comisión rogatoria enviada polo Xulgado de Instrución 8 da cidade á Xustiza dos Estados Unidos (EUA).

A solicitude refírese aos datos de rexistro e á actividade en Instagram e WhatsApp dos seis principais implicados na malleira que acabou coa vida do rapaz de orixe brasileira, e que foran borrados dos móbiles antes de que as forzas de seguridade se fixeran cos aparatos.

As e os investigadores procuran información que os acusados puideran ter pactado ocultar ao confirmar por medio das testemuñas que, na noite do asasinato, xuntáronse até dúas veces despois dos feitos, ao tempo, tamén buscan ratificar o carácter homófobo da agresión.

Primeira denegación

Porén, até o de agora o intento foi infrutuoso, de feito, o fiscal do país norteamericano que asumiu a xestión da comisión rogatoria negou en primeira instancia o acceso aos datos, sinalando que non atoparan relación entre a solicitude do xulgado galego e a resolución do crime, polo que non podía defender o caso nun tribunal dos EUA.

Nesa liña, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza apuntou que o fiscal “pediu que se ampliase a información e que se fixese unha nova solicitude dunha maneira máis acorde ás leis procesuais dos EUA, que son moi diferentes ás españolas”.

O motivo polo que estas peticións teñen que ir dirixidas aos Estados Unidos é que alí está asentado Facebook (agora chamada Meta, e propietaria de Instagram e WhatsApp), polo que son os servidores cos que contan no país os que teñen aloxada a información persoal das súas usuarias e usuarios.

Facebook contra a UE

Isto a pesar do Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea (UE), aprobado en 2016, e das sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE, a última hai ano e medio, na que prohibe a Facebook de xeito expreso o envío da información persoal aos EUA.

Non obstante, unha filtración da asociación Non é asunto teu a finais de decembro permitiu demostrar cos informes internos da compañía que Facebook considera que non ten que aplicar os fallos da Xustiza comunitaria, e relativiza a “pequena fracción” de solicitudes de datos que recibe das forzas de seguridade dos EUA, unhas 224.998.

Un dos líderes da entidade, Max Schrems, sostén que “Facebook leva ignorando as leis europeas hai oito anos e medio, un acto incríbel de ignorancia do Estado de Dereito, apoiado pola inacción da autoridade de protección de datos de Irlanda”. É neste país onde o contrato de uso da rede social na UE indica que se resolverá en última instancia calquera disputa.

En virtude disto, foi a axencia irlandesa a que impuxo a WhatsApp unha sanción de 225 millóns de euros hai catro meses por non cumprir coas leis de protección de datos pola falta de transparencia cos usuarios.

Colaboración coas autoridades

Malia que a aplicación destaca que “non garda mensaxes unha vez foron entregados nin rexistros de transacción”, gabándose do seu “cifrado de extremo a extremo”, unha filtración dun documento do FBI publicada pola entidade Propiedade do Pobo, amosa que WhatsApp e a aplicación de Apple iMessage son as redes sociais que máis información das persoas usuarias comparten coas autoridades.