Dous anos e medio do asasinato de Diego Bello en Filipinas: os avogados piden que os policías acusados non abandonen o país

Diego Bello participou dunha campaña de márketing do Dépor. (Foto: RC Deportivo)
O equipo de letrados que defende a familia do mozo coruñés asasinado en xaneiro de 2020 en Manila, presuntamente a mans da Policía filipina, quere que o xuízo decorra na capital do país e urxen evitar "presións sobre o xuíz".

O equipo de avogados que leva o caso de Diego Bello, o mozo coruñés asasinado en Manila (Filipinas) en xaneiro de 2020, solicitará ao tribunal responsábel unha orde de prohibición de abandono do país para os tres policías acusados nesta causa.

Nun comunicado advirten a este respecto, aliás, que esta medida podería ir acompañada do lanzamento dunha alerta á Interpol. Tentarán así "dar un novo impulso ao procedemento e conseguir que decorra, á fin, o ansiado xuízo para o esclarecemento dos feitos".

Con ese obxectivo, alén da orde de non abandonar o país, os letrados contratados pola familia presentarán perante o xulgado que tramita o procedemento na provincia de Surigao do Norte a solicitude de cambio de xurisdición ante o Tribunal Rexional de Surigao.

Os letrados queren evitar "posíbeis presións sobre o xuíz"

"De acordo cunha nova circular recente da Corte Suprema, as solicitudes de cambio de xurisdición xa non se presentan ante a Corte Suprema senón ante os Tribunais Rexionais, e é o xuíz encargado do tribunal correspondente quen resolve", explican. A solicitude será presentada persoalmente polos letrados "para evitar posíbeis presións sobre o xuíz" e pedirán que o caso sexa levado á capital, Manila, "ao tratarse dun asunto de suma importancia e cunha gran relevancia internacional".

Por outra parte, reuniranse cos responsábeis dos bancos onde Diego tiña fondos para ver se se poden liberar finalmente, "após máis de dous anos de continuas trabas administrativas e burocráticas".

Tanto a familia como os seus achegados móstranse "sorprendidos" de que malia o cambio de goberno en Filipinas —o pasado xuño— non se produciron aínda detencións. Lembran que se lles concedeu aos tres policías acusados do asasinato unha suspensión de emprego con soldo desde o momento en que se coñeceu a súa imputación. Segundo apuntan, manteñen activas as súas redes sociais e a xente da illa é coñecedora do paradoiro dos policías.

"A imaxe que traslada o Goberno filipino é de total impunidade fronte aos presuntos asasinos do coruñés, debido a que a Policía nacional filipina non está polo labor de executar a orde xudicial que, a pesar dos recursos interpostos polos letrados dos policías, é firme ao desestimarse todos e cada un deles", censuran.