Xustiza

O xuízo contra o clan dos 'Charlíns' queda visto para sentenza: así decorreu a derradeira sesión

O xa falecido Manuel Charlín era considerado o capo do clan (Foto: Europa Press).
A Fiscalía Antidroga pediu ao tribunal que ditase unha sentenza condenatoria en contra dos acusados asegurando que o patrimonio familiar "procede do tráfico de drogas" e que o clan dos ‘charlíns’ enriqueceuse ilicitamente branqueando ese diñeiro.

O xuízo contra o clan dos ‘charlíns' que arrincou o pasado mes de setembro na Audiencia Nacional quedou visto esta cuarta feira para sentenza entre as bágoas de Josefa Charlín Pomares, a primoxénita do patriarca do clan, que pediu "desculpas á Sala" durante a súa quenda de última palabra.

A pesar de que parte dos acusados decidiron gardar silencio nesta última sesión da vista oral -entre outros a propia filla de Josefa-, algúns aproveitaron para desmarcarse unha vez máis do suposto branqueo de capitais derivado do tráfico de droga que a Fiscalía atribúe á familia.

"Remítome a dicir que o que declarei é certo. Eu nunca lavei diñeiro nin nada, porque nunca tiven diñeiro, as cousas como son", defendeu Melchor Charlín Pomares. Óscar Felipe Charlín Pomares, pola súa parte, sostivo que non hai indicios que demostren que puxese "diñeiro para branquear". "O único que fixen foi traballar, é o único", apostilou.

Outro dos acusados, o empresario Ramón Rodríguez Paz, asegurou que só pretendeu "cobrar a débeda que tiña" coa súa construtora. "Nunca sospeitei que María Teresa Charlín estaría relacionada con feitos delituosos. Comprobei que traballaban na compravenda de mariscos de sol a sol e puiden comprobar ao longo dese tempo que a absolveron. O diñeiro que se me pagou en 2009 proviña da venda de mariscos. Nunca ocultei nada, nunca pretendín ocultar nada", engadiu.

O avogado Santiago Do Campo, o último en facer uso deste dereito, negou que fose "un home de palla" do clan e aseverou que a súa xestión baseouse "única e exclusivamente na compra e venda de mercadorías". "Levo 15 anos nesta situación procesual e as medidas provisorias imposibilitáronme facer a miña vida profesional e rompéronme a persoal", lamentou.

A pesar de renunciar á última palabra, o tamén letrado e acusado Roberto Adán aproveitou a exposición do seu informe final para criticar os "longos anos de pena de banquiño [xudicial]" que tivo que soportar. "Eu, que me dedico ao exercicio da avogacía e levo 26 anos exercendo, levo 13 anos imputado. Imaxinar as consecuencias en Pontevedra que iso ten", espetou.

Neste xuízo a Fiscalía Antidroga pediu ao tribunal que ditase unha sentenza condenatoria en contra dos acusados asegurando que o patrimonio familiar "procede do tráfico de drogas" e que o clan dos ‘charlíns’ enriqueceuse ilicitamente branqueando ese diñeiro.

A Fiscalía modificou durante a exposición do seu informe final lixeiramente as súas conclusións ao solicitar dilacións indebidas dunha parte e, doutra, agravantes para outros acusados. Cómpre lembrar que, na súa petición inicial, Antidroga pediu penas que van dos 5 aos 6 anos de prisión para cada un dos acusados, entre os que se atopan dúas xeración da descendencia do patriarca familiar, xa falecido. Ademais, solicítanse multas que oscilan dos 10 aos 12 millóns de euros para cada unha das persoas acusadas.

Venda de estupefacientes

A Fiscalía sostén que como consecuencia da actividade do narcotráfico "os acusados integrantes do clan familiar dos ‘charlíns' viñéronse enriquecendo co produto da venda de substancias estupefacientes", e coa finalidade de ocultar o "importante patrimonio ilicitamente obtido crearon todo un armazón de persoas, sociedades e outras formas xurídicas interpostas que obedecían á finalidade de evitar que o produto desa actividade ilícita chegase a figurar nalgún momento ao seu nome".

O Ministerio Público asevera que puideron introducir no tráfico mercantil "inxentes ganancias" e crearon unha aparencia de legalidade de tales ingresos e lograron a ocultación da súa orixe. Engade que quen tiña a última palabra sempre era o capo Manuel Charlín Gama a pesar de que estivese a cumprir pena de prisión, porque "era consultado acerca do destino e da actuación en relación con determinados bens”.

Antidroga solicita o comiso definitivo en favor do Estado da totalidade dos elementos patrimoniais que se usaron para posibilitar o branqueo de diñeiro logrado polo narcotráfico, e en concreto refírese a unha depuradora de marisco na Illa de Arousa, varios pisos, rochos e garaxes en Vilanova de Arousa, fondos bloqueados en Suíza e cantidades equivalentes ao investido na China que ascenderían a case 2 millóns de euros.