Xuízo a 3 estudantes por un escrache a un profesor "homófobo" da USC

Escrache a Domingo Neira. Imaxe:Xeira

A Fiscalía solicita 5 meses de prisión por 'desorde pública' a raíz dun escrache contra un profesor que mantén que “na homosexualidade debe haber algunha alteración xenética”.

Antía, Atanes e Mario, estudantes da Universidade de Compostela, enfróntanse esta segunda feira, 3 de outubro, a un xuízo no que a Fiscalía pide 5 meses de prisión por consideralos responsábeis dun delito de de 'desordes públicas' a raíz dun protesto contra a homofobida dun profesor da USC. Diversas organizacións convocan para ese 3 de outubro, ás 10:00 horas, unha concentración solidaria perante os Xulgados de Fontiñas, na capital de Galiza.

O escracho polo que agora son xulgados os estudantes foi para protestar pola readmisión dun profesor homófobo, Domingo Neira, docente de Ciencias da Educación e que foi acusado e denunciado en distintas ocasións por manter un 'discurso de odio' contra os homosexuais. De feito, a propia Universidade afastárao das aulas durante o curso 2013/2014. Porén, volveu exercer no curso seguinte, se ben nun posto diferente

“A homosexualidade é contaxiosa”

Neira chegou a asegurar nas aulas que "a homosexualidade é contaxiosa", que "os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou que "as lesbianas teñen un cromosoma XXX que explica o seu comportamento non normal".

Nun principio foron catro as persoas acusadas, mais após comparecer nos xulgados (en febreiro) unha cuarta estudante que inicialmente fora imputada desaparece da causa pola "imposibilidade de a identificaren". A Universidade de Compostela é unha das partes denunciantes.