Os xulgados de instrución da Coruña e Vigo urxen a concesión das gardas de 24 horas

Os xulgados de instrución da Coruña e Vigo realizan gardas semanais (Europa Press)
A xunta sectorial de xuízas e xuíces de instrución da Coruña reivindicou onte de forma pública a "necesidade de implantación do servizo de gardas de 24 horas" na cidade.  Nin é a primeira vez que o colectivo xudicial coruñés reivindica este sistema nin está só na súa demanda: a mesma petición foi aprobada na xunta sectorial de Vigo que, coa Coruña, é a única cidade galega que conta coas oito unidades de instrución que se precisan, segundo o Regulamento do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), para poder adoptar esta organización nos xulgados.
 

O escrito feito público por este sector da xudicatura, advirte de que, de non se conceder, Galiza pasaría a ser o único territorio do Estado que carecería de gardas de 24 horas en partidos xudiciais formados por oito ou máis xulgados de instrución.

A súa reclamación conta, desde xuño do ano pasado, co informe favorábel da sala de goberno do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), preceptivo para que a solicitude poida cursarse e recibir o placet do Poder Xudicial.