Unha xuíza de Marbella retira a custodia do fillo a unha muller por vivir na "Galiza profunda"

A nai do neno vive na zona da Ría de Muros-Noia.
Cre que non existen posibilidades de que "medre feliz" e outórgalle a custodia ao pai, que reside en Marbella, segundo o auto, unha "cidade cosmopolita".

Unha xuíza de Marbella retiroulle a custodia do seu fillo dun ano a unha muller porque vive “na Galiza profunda”, onde segundo o seu criterio, non existen "múltiplas posibilidades para o adecuado desenvolvemento da personalidade dun neno e para que medre nun ambiente feliz".

A titular do xulgado de primeira instancia número 7 outórgalle a custodia ao pai, que vive en Marbella, e só permite que ambos proxenitores a compartan no caso de que a nai se traslade a esa localidade malagueña.

Segundo a xuíza, na “pequenísima poboación da Galiza profunda onde se trasladou a nai" non hai “opcións laborais” por atoparse “lonxe de todo”.

O escrito da xuíza -segundo La Voz de Galicia, que deu a coñecer hoxe o caso- define Marbella como unha cidade cosmopolita cun “bo hospital” e “todo tipo de colexios para poder educar un neno, públicos e privados”.

En contraste, segundo a xuíza, iso non ocorre na “pequenísima poboación da Galiza profunda onde se trasladou a nai” -na zona da ría de Muros e Noia- onde non hai “opcións laborais” e que se atopa “lonxe de todo”.

A avogada da nai, Claudia Traba, presentou unha queixa ante a comisión disciplinaria do Consello Xeral do Poder Xudicial polo "absoluto desprezo" co que considera que actúa a xuíza e presentará un escrito para solicitar a nulidade do auto por non ser imparcial e porque na vista non se tiveron en conta as probas achegadas pola nai.

A letrada cre que puido haber unha vulneración dos dereitos constitucionais de tutela xudicial efectiva.

A muller mudouse fóra da Galiza hai catro anos por motivos laborais, e coñeceu o home co que tivo o fillo. O pasado verán, puxeron fin á súa relación e ela volveu á Galiza. Os dous solicitaron a custodia compartida.