BNG insta a Xunta a "actuar" ante o auto sobre custodia na “Galiza profunda” e impulsa unha declaración no Parlamento

Imaxe de arquivo do Parlamento galego

Pontón mostra o seu apoio á nai de Muros á que se lle cuestiona a custodia e reivindica o valor do rural galego fronte a "prexuízos"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou á Xunta que "actúe" despois de que transcendese o contido dun auto xudicial emitida por unha xuíza de Marbella (Málaga) na que se alude a unha "Galiza profunda" como argumento para cuestionar a custodia a unha nai de Muros sobre o seu bebé dun ano.

Os nacionalistas, que tamén impulsan unha declaración institucional na Cámara galega, quixeron, en primeiro lugar, "trasladar todo o apoio" a esta nai perante unha sentenza que ven chea "de prexuízos" e que rexeitan de plano.

"É moi duro que se poida cuestionar a unha muller a custodia do seu fillo e, moito máis, con argumentos que son única e exclusivamente prexuízos dunha maxistrada que considera que criarse nunha contorna rural limita e, ademais, é negativo", censurou.

 "Que ten que dicir o presidente da Xunta ante unha sentenza que lcuestiona a unha nai galega a custodia do seu fillo dun ano alegando que hai lugares de Galiza nos que non se pode criar a ese neno porque son ambientes onde non hai oportunidades e non se garante a felicidade dese neno?"

Pontón advertiu de que "hai miles de galegos e galegas", e ela mesma, que se  crían en contornas rurais, en pequenas vilas e parroquias, do interior e costa de Galiza, e "nada disto supuxo ningún inconveniente", senón que "formou parte da formación, da maneira de ser e estar no mundo, e que achegou valores moi positivos".

Por iso, xulgou que quen considere que crecer no rural de Muros é "un lastre" e non permite "ser felices", realmente "non ten nin idea de como é Galiza e está chea de prexuízos".

A portavoz do BNG advertiu, neste sentido, que o Goberno galego "non pode ficar de brazos cruzados", de maneira que pediu ao presidente da Xunta e ao Executivo galego que "actúen". "Que ten que dicir o presidente da Xunta ante unha sentenza que lle cuestiona a unha nai galega a custodia do seu fillo dun ano alegando que hai lugares de Galiza nos que non se pode criar a ese neno porque son ambientes onde non hai oportunidades e non se garante a felicidade dese neno?", preguntouse.

Pontón puxo o acento en que, precisamente, "o máis importante neste debate" é a "felicidade" dese neno. "Os dereitos do menor teñen que estar por diante e, cando vemos unha sentenza que se asenta en prexuízos, algo está a fallar nese procedemento", apuntou.

Así, pediu que a Xunta "se poña de inmediato" en contacto con esa nai para ofrecer o asesoramento xurídico que necesite para "corrixir un atropelo" sobre unha situación que "nos indigna colectivamente", porque "se seguen reiterando prexuízos que en pleno século  XXI non deberiamos ter que escoitar".

Parlamento

Paralelamente, o BNG impulsa no Parlamento galego, como "primeira institución" galega, unha declaración institucional, xa que "non pode quedar á marxe deste asunto". O documento, que se expuxo aos demais grupos, pretende que a Cámara "reivindique o valor de vivir no rural e en calquera lugar de Galiza", coa “mesma dignidade e capacidade de desenvolverse como persoas e de ser felices, igual que en calquera outra parte do mundo, incluída en Marbella".

Pontón falou do seu caso persoal, criada en  Chorente (Sarria) e expuxo que se tivese que "escoller" entre a súa localidade e Marbella, ten "clara" a súa elección. "Fun unha nena moi feliz", afirmou.