A xuíza decreta a entrada a prisión de tres dos cinco detidos na operación contra o comercio ilegal de arte sacro

Un dos detidos na operación pasa a disposición xudicial (Foto: Nós Diario).
A investigación está a ser dirixida polo Xulgado carballiñés, onde esta sexta feira pasaron a disposición xudicial cinco detidos, entre eles un apresado no Carballiño, considerado como o principal sospeitoso e detonante do caso.

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 do Carballiño decretou o ingreso en prisión de dous dos cinco detidos en distintos puntos da Galiza no marco da operación aberta contra o comercio ilegal de arte sacra.

A investigación está a ser dirixida polo Xulgado carballiñés, onde esta sexta feira pasaron a disposición xudicial cinco detidos, entre eles un apresado no Carballiño, considerado como o principal sospeitoso e detonante do caso.

Para dous dos acusados, arrestados no Carballiño e Ourense, a xuíza decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza, investigados por un delito de roubo con forza continuado e outro delito de danos en bens de valor artístico, histórico ou cultural.

Para outro dos detidos, neste caso en Pontevedra, a maxistrada tamén decretou prisión provisional, mais eludíbel baixo fianza de 20.000 euros. Está investigado por un delito continuado de receptación e outro de danos en bens de valor artístico.

Ademais decretou a posta en liberdade dos dous restantes, detidos en Ourense e no Carballiño, un deles investigado por un delito de roubo con forza e o outro por un delito continuado de receptación.

Operación Cinquecento

No marco da operación, bautizada como Cinquecento e Templo Sacro, están a ser investigados un matrimonio de xubilados que residen en Pontevedra, o responsábel dun negocio da mesma localidade, e unha persoa que ten un posto de venda no Rastro pontevedrés.

En total, segundo fontes do caso, practicáronse once rexistros e requisáronse perto de 200 obxectos, algúns deles pezas de arte sacra dos séculos XVII e XVIII supostamente roubados en igrexas e Pazos da Galiza e do norte de Portugal, que están a ser analizadas por peritos de patrimonio para, entre outras informacións, determinar se se atopan nas bases de datos policiais como obxectos roubados.

Polo momento atópanse custodiadas na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e en instalacións do Instituto Armado en Ourense. A causa está baixo secredo de sumario.