O xuíz que investiga o naufraxio do 'Pitanxo' solicita un informe para saber se se pode baixar ao barco

O patrón do 'Vila de Pitanxo', Juan Padín, e mais o seu sobriño, o mariñeiro Eduardo Rial, á súa chegada á Audiencia Nacional. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A Audiencia Nacional pon en dúbida a versión do patrón do navío, único imputado polo afundimento.

O xuíz da Audiencia que investiga o naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo acordou que se realice un informe pericial co obxectivo de saber se se pode acceder ao pecio.

Nunha providencia á que tivo acceso Europa Press, Ismael Moreno ordena esta dilixencia para "determinar a causa do sinistro e a multiplicidade de datos técnicos acerca de posición e derrota do buque e a súa cronoloxía".

O titular do Xulgado Central de Instrución Número 2 quere saber "se é posíbel acceder ao navío", a súa "utilidade e necesidade" e se iso sería eficaz para comprobar "os extremos referidos nas distintas versións dos feitos" polos sobreviventes.

Así, o xuíz refírese a outro dos puntos sobre os que pide opinión aos peritos: "Se cos datos" actuais "se pode descartar ou non algunha das versións" dadas polos sobreviventes en canto a "a forma na que se desenvolveron os feitos e, por tanto, a causa probábel do accidente, así como sobre a corrección das decisións adoptadas polo capitán", o único imputado.

Investigación da Audiencia Nacional

Nun auto do mes de abril, a Audiencia Nacional puxo en "dúbida" a versión do patrón do barco, Juan Padín, que declarou que os compoñentes da tripulación puxeron os equipos de salvamento, mentres que Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes xunto ao patrón e a Eduardo Rial, sobriño do capitán, asegurou que non.

"Este feito queda corroborado coa realidade de que nin o citado mariñeiro nin ningún dos cadáveres recuperados tiña o equipamento de seguridade posto", destacou a Audiencia ao devolver a investigación.

O maxistrado, ademais, acorda preguntar á Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimo' do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que lle comunique se o seu persoal está capacitado para elaborar este informe pericial ou que, se considera que non o está, lle indique que organismo ou departamento da Administración sería o "idóneo" para poder levalo a cabo.

Familiares das 21 vítimas do pesqueiro reuníronse a finais de xullo en Madrid coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, para instar o Goberno que baixe ao pecio para obter probas e concluír as causas do sinistro.