O xuíz fecha o caso do sinistro de Angrois co maquinista como único imputado

Tren, angrois

O TSXG confirmou que o maxistrado Lago Louro -que herdou o caso do sinistro do tren Alvia do xuíz Luis Aláez, no que morreron 81 persoas e 140 resultaron feridas- notificou o encerramento da instrución ás partes nun auto que pode ser recorrido por estas.

 

Andrés Lago Louro -xuíz que herdou a instrución do sinistro ferroviario de Angrois, no que morreron 81 persoas en 2013 e 140 resultaron feridas- fecha a causa co maquinista como único imputado. A notificación é remitida ás partes, que poden recorrer o auto. Fica por determinar a data de inicio do xuízo. O maquinista, Francisco José Garzón, está imputado por homicidio imprudente, así como por imprudencia profesional grave e 144 delitos de lesións.

Na primeira parte da instrución feita polo xuíz Aláez, este imputou até en dúas ocasións ex-altos cargos de Adif, o administrador de infraestruturas ferroviarias, encarregado de velar pola seguridade nas vías. Porén, a Audiencia Provincial levantou as imputacións.

Feijóo: a decisión de imputar só o maquinista "coincide co sentir maioritario da sociedade".

Ao longo de toda a fase de instrución, desde as asociacións de vítimas e familiares manifestaron en reiteradas ocasións que non partillaban un procedemento no que o maquinista fose o único 'culpábel' do sinistro que aconteceu en Angrois o 24 de xullo de 2013.

Reaccións

O presidente galego, Núñez Feijóo, preguntado sobre a decisión do xuíz, afirmou: "Se o xuíz, despois de escoitar a testemuñas, despois de ver os informes técnicos, despois de coñecer o alcance e contido de toda a xénese do accidente, chega á conclusión de que o responsable é o maquinista, creo que está a coincidindo co sentir maioritario da sociedade".

De por parte, a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, afirmou que “aínda están pendentes de depurar as responsabilidades políticas, que as houbo”. Pérez sinalou en relación ao auto do xuíz que “estas son as responsabilidades penais, pero e as responsabilidades políticas?”.