Un xuíz dá luz verde ao despexo dunha muller “por ser o mellor para ela”

Imaxe: BNG Coruña

Unha concentración de Stop desafiuzamentos da Coruña denunciou a situación.

Un xuíz da Coruña ordenou executar un despexo hipotecario por entender que era a mellor opción para a afectada, que apelara a unha cláusula declarada abusiva polo Tribunal de xustiza da Unión Europea. O maxistrado recoñeceu a cláusula como abusiva mais considerou que o desafiuzamento era a mellor vía para que esta muller poidese facer fronte á débeda contraída.

Esta muller deixou de pagar a hipoteca durante uns meses ao ficar sen traballo e depois de seis meses pagando puntualmente. O pasado mes de marzo solicitara un sobreseimento do procedemento de execución iniciado polo banco, apelando á cláusula abusiva que establece o impagamento dunha simple cota supón unha violación do contrato.

Stop desafiuzamentos da Coruña convocou unha concentración na Coruña na que tomaron parte representantes de diferentes organizacións políticas e sindicais. Entre eles, Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.