Xubilados pola Paz condenan o xenocidio en Gaza: "Non pode haber escusas"

O colectivo Xubilados pola Paz repartiu hoxe os seus folletos polas rúas de Santiago. (Foto: Nós Diario)
"Van xa sete décadas de crimes e ignominia, de desprezo do dereito internacional, que conduciron a estes últimos cinco meses de violencia, destrución e matanzas sen igual. Israel debe ser condenado e castigado polos seus crimes", advirten desde o colectivo.

O colectivo de Xubilados e Xubiladas pola Paz da Galiza emitiu esta cuarta feira un comunicado no que condena o "xenocidio" perpetrado por Israel en Gaza, onde máis de 30.000 persoas foron xa asasinadas, a meirande parte mulleres e crianzas, ás que se suman miles de feridas e desaparecidas, así como máis de dous millóns de desprazadas que se viron forzadas a abandonar os seus fogares.

A isto, denuncian, súmase a "destrución sistemática de hospitais, escolas, edificios e infraestruturas civís", o que representa "un cadro de devastación só comparábel con eventos similares da Segunda Guerra Mundial, que enfrontou as maiores potencias europeas da época". E a diferenza, din, é que "Gaza non é unha potencia económica nin militar".

"É unha zona de exterminio cercada que Israel impón ao pobo palestino na súa propia terra. Non ten armada, nin aviación militar, nin tanques, nin artillaría, nin sequera un exército regular que poida causar a Israel un dano nin remotamente equivalente", aseguran. Para as xubiladas e xubilados pola paz, este "aniquilamento sistemático" do pobo palestino só ten un nome: "Xenocidio". "Un crime castigado severamente polo dereito internacional", lembran.

E fronte a isto inciden en que "non pode haber escusas". "Nada pode ser alegado como xustificación para o asasinato indiscriminado dun pobo. Nin sequera os danos que supostamente causou a resistencia o 7 de outubro no exercicio dun dereito que, como sinala o presidente [do Brasil] Lula [da Silva], a lexislación internacional recoñece como lexítimo", engaden.

"Lembremos que o Exército sionista leva causado millares e millares de mortes ao longo das máis de sete décadas de ocupación da Palestina. E con total impunidade, sen que a ONU conseguise facer cumprir ningunha das súas vinte e tantas resolucións de condena dos crimes sionistas. Nestas condicións de continua agresión, humillación e inxustiza non se pode pedir ao pobo palestino que morra en silencio e non se defenda cos medios ao seu alcance", acrecentan.

Mais a "verdadeira natureza da depravación criminal israelí", apuntan, "quedou patente no último -por agora- masacre", o que se deu a coñecer como o da "fariña", no campo de refuxiados de Nuseirat, en Gaza, onde 1.000 persoas acudían ao reparto da axuda humanitaria convocados polas propias forzas israelíes. "O Exército recibiu os famentos gazatís con fogo de metralladoras e artillaría. Asasinou máis de 120 persoas e deixou feridas case 800. Canta máis crueldade é necesaria para que a humanidade isole e castigue este Estado asasino que canta e celebra o exterminio e condena a morrer de fame todo un pobo?", cuestionan.

O colectivo denuncia que "para os dirixentes e parte da poboación de Israel a 'raza inferior' árabe-palestina carece de dereitos, e a súa eventual aniquilación non representa ningún problema moral". "Van xa sete décadas de crimes e ignominia, de desprezo do dereito internacional, que conduciron a estes últimos cinco meses de violencia, destrución e matanzas sen igual. Israel debe ser condenado e castigado polos seus crimes. O Goberno español debe romper de inmediato as relacións diplomáticas con Israel, decretar o embargo de armas e recoñecer o Estado Palestino. E nós debemos dicir alto e claro que non queremos ser cómplices deste xenocidio", conclúen.