Falece Xosé Manuel Millán, escritor e ex alcalde nacionalista de Moaña

Millán Otero (Foto: AELG / Distrito Xermar, 2018)

O profesor, escritor, poeta e político nacionalista Xosé Manuel Millán Otero faleceu esta quinta feira, 29 de outubro. Moaña dirá o último adeus ao seu ex alcalde.

Xosé Manuel Millán Otero, profesor, escritor, poeta e ex alcalde nacionalista de Moaña, finou na tarde desta quinta feira, 29 de outubro, nun centro hospitalario de Vigo, onde se atopaba ingresado por unha enfermidade que padecía nos últimos anos.

A corporación do Concello de Moaña rendeu un minuto de silencio a quen gobernou o concello desde o Bloque Nacionalista Galego do ano 2003 a 2011. Ademais, foi membro do consistorio entre os anos 1999 e 2015.

Xosé Manuel Millán naceu na parroquia de Beluso, Bueu, en 1964 e foi profesor de Lingua e Literatura Galega en Moaña. É autor de diversos estudos e edicións críticas de escritores de preguerra (Ramón Cabanillas, Vicente Risco...) e actuais, como Bernardino Graña. Participou tamén en obras colectivas como a Historia da Literatura Galega (1996), editada por A Nosa Terra / ASPG e Literatura galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001).

Como poeta publicou Este é o tempo do sal (Accésit do Premio Esquío, 1991) e As palabras no espello (Ed. Do Castro, 1995), esta última galardoada co VII Premio Eusebio Lorenzo Baleirón; Ode menor ao gran mascato Bernardino Graña cando se eleva sobre as terras do Morrazo (2010, publicado na internet), As cinzas de Pasolini (2018, Editorial Toxosoutos).

A actividade cultural e literaria de Xosé Manuel Millán foi á par do seu compromiso político e social. Adherente de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), membro de relevo dos Comités Abertos de Facultade (CAF) na Facultade de Filoloxía e no campus de Santiago de Compostela, militante da Unión do Povo Galego (UPG), participou no Bloque Nacionalista Galego (BNG) desde a súa fundación. A súa morte deixa un fondo pesar no mundo da cultura e do nacionalismo galego.