Sermos Galiza 227

Xosé Velo, rebelde con causa

xosevelo

A piques de rematar o 2016, retrocedemos cen anos para chegarmos ao nacemento de Xosé Velo e botar luz sobre unha figura que destacou como dirixente xuvenil nacionalista, poeta e patriota resistente ao fascismo e que tomou o nome de Carlos Xunqueira de Ambía cando se erixiu como comandante do barco “Santa Liberdade”. Recollemos un amplo perfil de Pepe Velo no Sermos Galiza nº227, á venda xa na loxa. Eis un extracto.

Primeiro foi o poeta e o dirixente xuvenil nacionalista ao nacer na vila de Curros, cando as primeiras Irmandades da Fala botaban a andar, a medrar, escoitando aquelas historias dun Lois Porteiro Garea a pelexar por ser o primeiro deputado nacionalista polo distrito de Celanova, a estudar nos Escolapios da súa vila e de Monforte e a volver nacer xa como un patriota consciente, como un revolucionario incansábel e como un poeta destacado.

Era 1932, 16 anos, canda o poeta Celso Emilio Ferreiro, daquela aínda era Emilio Ferreiro Míguez, Clodomiro Rodríguez Prenta, un dos primeiros militantes da UPG, Manuel Soto e outros 42, funda as Mocedades Galeguistas de Celanova, as mesmas que nas páxinas de A Nosa Terra se afirmaban como “os primeiros entre os primeiros que quixeran dar o seu sangue e a súa liberdade pola Causa, cheos de impaciencia e fervor patriótico, pola hora da acción”. E de aí, a publicar o Adiante, aquel boletín nacionalista do que fica testemuña nas paredes do vello mosteiro de San Rosendo, a comezar as xeiras de axitación e remover conciencias.

Narf musicou Esperanzas, un poema de Pepe Velo escrito meses antes da súa morte, xa doente dun cancro

Leo agora, na Fouce de Bos Aires e no Guieiro, as palabras de Xosé Velo naquel grande comicio celebrado en Celanova polas Mocedades Galeguistas en outubro de 1935 diante de 4.000 persoas, onde “profire duras verbas en contra do noso opresor e di que, para librar a Galiza da dominación española, hai que loitar con decisión e valentía e expor o peito as balas”.

 

[Podes ler o perfil completo de Xosé Velo no número 227 do Sermos Galiza, á venda xa na loxa e nos quiosques]