Xosé Santos: "A pouca previsión da Xunta agravou os incendios do verán"

Xosé Santos espera que a investigación da Fiscalía determine responsabilidades. (Foto: Nós Diario)

A Fiscalía investiga a Xunta da Galiza para determinar a posíbel comisión dun delito contra o medio ambiente na súa actuación fronte a vaga de incendios a raíz da denuncia presentada pola plataforma Por un Monte Galego con Futuro. 'Nós Diario' conversa co portavoz da plataforma, Xosé Santos, para coñecer as razóns da demanda.

—Por que piden á Fiscalía que investigue as accións da Xunta?
Porque se cometeron erros. Non se contou cun operativo en funcionamento cando se precisaba. Non se destinaron recursos nin se tiveron en conta as previsións meteorolóxicas. Na última metade de século, na Galiza produciuse 50% dos incendios do conxunto do Estado español, sendo 30% da superficie forestal afectada galega, cando oo país supón 7% do territorio do Estado.

 A Galiza é o territorio de Europa que máis diñeiro destina á extinción de incendios, cando debería existir un equilibrio entre a prevención e a extinción destes. Con todo, a pesar de gastar tanto diñeiro nisto, en canto se producen fogos, quen fai fronte aos lumes é a poboación e sen que aparezan ese medios.

—Houbo neglixencias na xestión dos incendios?
Si. A pouca previsión e a falta de ter posto en funcionamento os operativos de extinción agravaron os incendios do Courel, de Valdeorras, dos montes do Invernadoiro ou do parque do Xurés. Nestes lugares non había as autobombas suficientes e as brigadas de reforzo non estaban constituídas. Ademais, ao longo do ano non se cobren as vacantes de traballadores producidas por baixas, xubilacións ou enfermidades. 

No caso do fogo de Verín, tendo en conta que se produciron varios focos, que había unha mala previsión meteorolóxica e que a situación era dun estrés elevado, só había un axente ambiental de garda a esas horas; unha falta total de previsión. 

Ademais, boa parte dos traballos de prevención aínda están sen realizar, cando deberían acometerse antes de comezar a tempada de alto risco.
Cando a Fiscalía leve a cabo unha análise pormenorizada da situación, comprobaremos que os ecosistemas e os montes afectados son moitos máis dos que imaxinamos.

—Quen son os responsábeis destas neglixencias?
A Xunta da Galiza é a responsábel das políticas forestais e de prevención de incendios, e está na súa man adiantarse ás situacións. Temos unha Administración con visión a curto prazo que aplica políticas de maneira unilateral sen ter en conta a opinión dos axentes sociais. 

O director xeral de Defensa do Monte [Manuel Rodríguez] indicara que a responsabilidade era dos Concellos, mais a competencia é do Goberno galego. Ademais, os danos están sen avaliar. Na maior parte dos ecosistemas calcinados este verán non se fixo nada para evitar a erosión, a escorrentía nin a contaminación polas cinzas.

—Que demandan desde a plataforma para intentar reverter esta situación?
Outra política forestal. Ante a situación de emerxencia climática que vivimos, cómpre velar por uns ecosistemas sustentábeis. É preciso mudar tamén as políticas de prevención e extinción de incendios, pois non podemos permitir que se sigan estragando os nosos montes.