Xosé Rodríguez, o matemático que situou o km 0 da Galiza en Lalín, nomeado Científico do Ano pola Academia

Busto de Xosé Rodríguez en Lalín (Deza). (Foto: RAGC)

Rodríguez participou no estabelecemento do metro como unidade de medida de lonxitude

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu o matemático Xosé Rodríguez como Científico Galego do Ano no bicentenario do seu falecemento, ao que a institución describiu como "un científico no sentido moderno do termo e, para moitos, o primeiro da Galiza" que "loitaba de forma desinteresada pola ciencia".

Segundo trasladou a Academia a través dun comunicado, o acto central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro no marco do Día da Ciencia na Galiza, pero programaranse actividades para dar a coñecer a figura do científico e as súas contribucións ao conxunto da sociedade durante todo o ano.

Xosé Rodríguez, natural da parroquia lalinense de Bermés, é coñecido como 'o matemático do Bermés' ou 'Matemático Rodríguez' e conta cunha rúa ao seu nome e unha escultura en Lalín (Deza) por ser "un dos científicos europeos máis brillantes da súa época", con achegas ás matemáticas, á xeometría, á astronomía á xeografía e á mineraloxía.

Rodríguez foi docente en Astronomía en varias universidades europeas e en 1806 foi enviado a unha expedición para medir o meridiano de Dunkerque a Basilea, unha medición "fundamental" para estabelecer o metro como unidade de medida de lonxitude, a partir do cal se conforma o actual sistema métrico decimal. Ademais, situou o quilómetro cero da Galiza en Lalín.

A teoría de Newton

Máis tarde, realizaría estudos en Londres sobre o meridiano de Greenwich para aclarar se a teoría de Newton sobre que a Terra era achatada polos polos era certa, cos que demostrou empiricamente que esta teoría era correcta con maior exactitude que calquera outro matemático da época.

O científico interesouse tamén pola mineraloxía e foi obsequiado cunha das únicas dúas coleccións do mundo de 1.024 modelos cristalográficos, que hoxe pode admirarse no Museo de Historia Natural de Compostela.

Dada a súa relevancia científica a nivel mundial, o emperador ruso Alexandre II ofreceulle a dirección do Observatorio Astronómico de San Petersburgo, o que incidiu a que o nomeasen director do Observatorio Astronómico de Madrid.

O seu labor político

Ademais, o labor de Xosé Rodríguez non foi só científico, senón tamén político, pois sumouse aos liberais máis progresistas e foi elixido deputado pola Galiza en 1820, durante o trienio liberal.

Declarouse a favor da división provincial galega coa creación dunha quinta provincia e promoveu o coñecemento científico e o fomento da industria, pero tivo que exiliarse a Portugal coa restauración do absolutismo.