Caderno de Verán

Xosé Regueira, edil de Turismo de Carballo: "Temos un evento coñecido a nivel internacional"

O concelleiro carballés Xosé Regueira (Foto: Nós Diario)
Carballo ten xa a galería de murais nacida a partir da iniciativa Derrubando muros con pintura como o "segundo recurso turístico máis demandado" polas persoas visitantes

Din que Derrubando muros con pintura foi unha idea propia. Como xurdiu esta iniciativa tan innovadora?
A innovación é relativa. Eu son desas persoas que cando intentan trasladar á realidade proxectos que gustan intenta buscar a maneira. Desde hai moitísimos anos a arte urbana no espazo público é algo que me atrae moito e serve para achegar novas fórmulas artísticas ao conxunto da sociedade porque conviven directamente coa arte. 

Por que era precisa?
Para tentar humanizar o desastre urbano que houbo neste concello desde finais dos anos 60. A arte contemporánea tiña a oportunidade de actuar en tres aspectos fundamentais. 

Cales?
Mellorar o aspecto físico coa arte en medianeiras e configurando un espazo público moito máis atractivo. En segundo lugar, íamos a dar a oportunidade de achegar un discurso e un debate sobre a arte á sociedade. E terceiro, desde a área de Turismo e Promoción Económica dariamos a coñecer o potencial do colectivo de artistas locais.

Eses foron os alicerces, pero chegouse ao Rexenera Fest...
Foi o obxectivo máis ambicioso. Deixando a un lado a modestia estase conseguindo que sexa coñecido a nivel internacional.

Traer artistas de fóra é un sinal de identidade?
O festival ten dous ingredientes: buscamos que veñan artistas de primeiro nivel e somos dos poucos festivais que son paritarios. E a pesar da nosa pouca idade como festival xa temos unha serie de firmas en Carballo das que mola ter. Ao mellor 20 dos cen artistas urbanos máis prestixiosos do momento deixaron a sinatura. 

Deuse o debate que buscaba entre a poboación?
A medida que íamos pintar fomos decatándonos dunha cousa: a percepción social era moi positiva en dous sectores. Nos nenos e nenas de 3 anos até os 16 e nas persoas maiores de 55, que miran a arte como algo que lles alegra a vida. Hoxe case a totalidade da sociedade ve o proxecto como positivo

Atrae o turismo?
Non buscamos un turismo de masas pero hoxe o recurso turístico máis demandado en Carballo, ademais do surf, é a arte urbana.