Reclama que a Consellaría de Educación asuma todas as súas competencias

O presidente de Apega quéixase do comportamento da Xunta

A Covid-19 enche de dúbidas á volta ás aultas. / Europa Press
Xosé Manuel Suárez, da Asociación galega de Pedagogos e Psicopedagogos, conversou na Cadena SER sobre a problemática da volta ás aulas na situación sanitaria da Covid-19.

O presidente da Asociación Profesional de Pedagogos e Psicopedagogos da Galiza, Apega, Xosé Manuel Suárez lamenta que a Xunta non tomase a decisión de suspender as vacacións para prepararse ben para o comezo do curso. Fixo a denuncia nunha entrevista concedida á Cadena SER, onde tamén se referiu a como se preparan os colexios para retomar as clases.

Xosé Manuel Suárez critica que se deixase “todo nas mans do goberno central” porque di, “non se pode chegar a ese punto, quen ten a competencia é a consellaría, tiña que pór os medios humanos e non irse de vacacións”.

Insistiu en “animar á consellaría a que faga o traballo que lle corresponde, que é dotar de medios necesarios” aos centros. Sobre estes últimos explicou que “a normalidade vai chegar pola rutina” e aínda que agora “non vemos cales son os nosos problemas, unha vez nas aulas o coñecemento da situación” axudará a actuar.

Os comedores ou as actividades extraescolares “complicarán a conciliación”, advertiu, e as familias terán que “recorrer a avós, irmás maiores... e a elixir actividades que lles sexan próximas”.

Nesta mesma dirección, Suárez falaba sobre a posibilidade de que se produza o peche dun colexio e nas consecuencias  que iso tería para as familias, “non vai supoñer só que os pais non poidan acudir a traballar, ou mesmo que non cobren paro, senón que ademais actividade escolar seguirá en liña e obrigará a que se poñan as pilas”, recalca.

Xosé Manuel Suárez referiuse á tele-educación  ao explicar que se estaba a desenvolver por causa dunha “situación sobrevida” xa que até agora só se empregaba “se obrigaba o sistema, e faise agora o que non se fixo en 10 anos”, quéixase .

O presidente de Apega quixo poñer o acento na fenda dixital e económica, reivindicar que, “se hai unha implicación por parte da Administración no tema do material escolar gratuíto, agora tamén a debe haber na cuestión tecnolóxico, non só para os centros senón tamén para as familias”.