Xosé Manuel Barros, Mar de Fábula: "O lixo que hai no mar vén da produción das grandes multinacionais e as súas campañas"

O presidente de Mar de Fábula, Xosé Manuel Barros, participando nunha limpeza de praia (Mar de Fábula)

Cada vez hai máis lixo nas praias. Algunhas persoas non se acostuman a esta realidade e deciden actuar. Foi o caso de Xosé Manuel Barros que, xunto a un grupo de persoas, deciden crear unha asociación con base en Camelle e actuar. Comezaron coa limpeza de praias no municipio, exposicións e obradoiros para nenas e nenos e xa traballan en toda a Costa da Morte, ademais de desenvolver un proxecto de centro de actividades medioambientais.

Como nace Mar de Fábula?

Levo 20 anos en Camelle e sempre me gustou pasear pola ribeira. Nesas andainas decateime da cantidade de lixo plástico que había e impactoume. Comecei a apañar lixo plástico e con el a facer algunhas composicións artísticas. No inverno de 2013 viñeron as cicloxéneses e trouxeron á costa da morte enormes volumes de lixo. Daquela un grupo de persoas decidimos crear unha asociación para defender o mar, para limpar o lixo que inundaba a nosa costa. O nome veu do obxectivo que queremos, conseguir un mar de fábula.

Cal é a razón de que maltratemos o mar?

O tema é complexo. Este sistema capitalista infame trata de producir, comprar, usar e tirar nunha economía lineal que remata no mar. Un 80% do lixo mariño que hai nos océanos vén de terra. Chegamos á conclusión de que somos unha sociedade con sobrexplotación dos recursos naturais do que agora vemos as consecuencias con esta pandemia. Temos que ir coa máscara, como bandoleiros, a todos os lugares. E en certa modo somos bandoleiros dalgunha maneira por agredir a natureza.  

Cre que mudaremos coa "nova normalidade"?

Debera ser un punto de inflexión na nosa sociedade. Hai moitas institucións que din que a orixe desta pandemia é o deterioro do medio ambiente, a sobreexplotación dos recursos do noso planeta. O lixo que hai no mar vén da produción das grandes multinacionais que teñen unha gran loxística que provocan coas súas campañas de publicidade un consumo en masa.

Temos que asumir a nosa responsabilidade como cidadáns. Durante o confinamento, polo menos nas rúas de Camelle e doutras poboacións da costa da Morte arrecendían a lixivia, todo estaba limpo por ter coidado de manter limpa a contorna por motivos sanitarios. A limpeza é fundamental para combater todo tipo de virus e debemos facela nos lugares comúns. Ese hábito vexo que xa se perdeu coa nova normalidade. Agora volvemos ensuciar e cando facemos iso cos lugares que compartimos faltámonos mutuamente ao respecto. Esquecimos en poucos días todo o que aconteceu e iso considero que non pode ser.

Deberían actuar máis as Administracións para solucionar este problema?

As Administracións teñen unha función primordial. De entrada unha lexislación, que prohibe os plásticos dun só uso en toda Europa a partir de 2021. Nós presentamos un proxecto para actualizar a lexislación marítima internacional para que  se prohiban as descargas das augas residuais sen tratar por parte dos barcos en pleno océano. Outro apartado son os fabricantes. Teñen a responsabilidade de fabricar plásticos que sexan capaces de ser reciclados 100%.

A tecnoloxía dálles ferramentas de abondo para fabricar utensilios de plástico reciclábeis. Ademais o Estado español xunto a outros países europeos asinaron o pacto para a reutilización e reciclaxe dos plásticos. O primeiro punto dese acordo fala de deseñar os envases de un só uso para que sexan reutilizábeis ou reciclábeis antes de 2025. É o pano de fondo que se necesita polo que os fabricantes teñen que ter ese sentido da responsabilidade.

Tamén está a gran distribución. As grandes superficies que comercializan produtos teñen a capacidade de dicirlles aos fabricantes de que os queren con determinadas características e ben rotulados para que a persoa consumidora saiba que compra. Por último estamos nós, como consumidores, que somos os principais protagonistas. Cando mercamos exercemos unha opción. Temos que mercar con responsabilidade.