Xosé Estévez, XII premio Galiza Mártir

Xosé Estévez

A Fundación Alexandre Bóveda quer recoñecer así o compromiso deste historiador coa liberdade, a memoria histórica e Galiza. Estévez tamén recibirá o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico, concedido por Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia.

Xosé Estévez Rodríguez (Quiroga, 1943), doutor en Historia, investigador de longa traxectoria e profesor honorario da Universidade de Deusto é a persoa elixida pola Fundación Alexandre Bóvenda (FAB) para recibir este ano o Premio Galiza Mártir. Activista en favor da democracia e a soberanía de Galiza desde a década dos 60 do pasado século é, desde a década dos 70, autor de diversos estudos e obras sobre Castelao,  o nacionalismo galego e Galeuzca.

 

A FAB salienta que en todos os seus traballos Xosé Estévez ten destacado o relevo político de Alexandre Bóveda, tanto durante a súa vida como a importancia da súa memoria e exemplo para o exilio galego.

 

Entre outras obras, Xosé Estévez é autor de ‘La Autodeterminación de los Pueblos. Un reto para Euskadi y Europa (1985), Euskal Herría. Historia y Sociedad (1985), De la Triple Alianza al Pacto de San Sebastián (1923-1930). Antecedentes del Galeuzca, Manuel Martínez Murguía. De estirpe vasca e berce do nacionalismo galego/Manuel Martinez Murguia. Euskal jatorrikoa eta Galiziako Abertzaletasunaren Aintzindari (2000), Castelao e o Galeuzca (2002), A Lagoa da memoria (2002), Galeuzca: la rebelion de la periferia, 1923-1998 (2009), Un crego atípico na Fonsagrada 1967-69 (2014), colaborando habitualmente con revistas científicas galegas, caso de Murguía, Revista Galega de Historia.

 

Desde o ano 2006 a Fundación Alexandre Bóveda (FAB) fai entrega, anualmente, do Premio Galiza Mártir. Na pasada edición foi distinguida con este galardón Aurora Marco, Catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, autora de numerosos estudos e libros sobre a historia das mulleres e memoria histórica democrática.

 

Mérito e labor historiográfico

 

O de Galiza Mártir non é o único recoñecemento que vai recibir Xosé Estévez. O presente ano 2017, Murguía, Revista Galega de Historia e o IGALHIS (Instituto Galego de Historia) acordaron recoñecer co III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico a Xosé Estévez.