Xosé Ballesteros, sobre 'O Diario Galego': "É unha alegría poder acompañar esta iniciativa cultural e de comunicación"

Xosé Ballesteros

Conversamos con Xosé Ballesteros, escritor, editor, director editorial de Kalandraka e presidente da AGE (Asociación Galega de Editoras) por volta do proxecto de lanzamento de 'O Diario Galego', programado para 2019.

-Que esperas de O Diario Galego?

 

-O primeiro, celebrar a aparición dun xornal en galego en papel que vai cubrir un enorme baleiro. Moitos de nós estabamos coa esperanza de que algún día puideramos volver ler [imprensa diaria] na nosa lingua. En segundo lugar, espero que poida encher ese espazo de orfandade no que estabamos situados e que achegue unha visión desde o país do que está a suceder no ámbito social, económico e cultural. A un país que non ten referentes de proximidade, unha visión desde a proximidade, fáltalle algo esencial que é poder tomar o pulso da actualidade, ser bebedores dun medio propio e non estar sempre á espera do que conteñen outros medios cunha visión afastada da nosa realidade.

 

-Por que é necesario?

 

-Unha sociedade que non é quen de construír entre todos un medio de comunicación que asumamos como noso, é unha sociedade fracasada. É unha alegría poder acompañar esta iniciativa cultural e de comunicación, que reforce a nosa maneira de considerarnos sociedade. Unha sociedade con capacidade de afrontar os retos presentes e futuros e sobre todo que nos reforce como comunidade, como unha maneira de estar no mundo de xeito singular con respeito a outras. Nin mellor nin peor, simplemente distinta.

 

-Que importancia podería ter este diario no ámbito lingüístico e na creación literaria?

 

-É unha ferramenta absolutamente necesaria. A lingua galega é cada vez menos usada, debido ás distintas políticas lingüísticas erradas que mostran un fracaso na capacidade que temos como comunidade de manter un patrimonio simbólico e cultural. A aparición dun medio de comunicación en galego feito desde aquí posibilita que todos os ámbitos culturais mostra dese patrimonio e dese facer como sociedade poidan contar cunha visibilidade da que practicamente carecemos hoxe.

 

Os xornais habituais que agora mesmo se editan en Galiza son alleos a unha realidade cultural que existe en calquera recuncho do país e nas grandes cidades, do traballo dos que estamos no día a día publicando libros. Espero que ese Sermos que agora é semanal se prolongue en O Diario Galego que dedique e mime a cultura dos que estamos posibilitando un futuro de cultura propia.

 

[Podes subscribirte a O DIARIO GALEGO nesta ligazón. Precisamos 3 mil subscricións para que sexa unha realidade en 2019]