Xornalistas reflexionan sobre a "manipulación" que padece a CRTVG

Raquel Lema, Juan Oliver, Alexandra Pacheco, Alberte Mera e David Lombao (Foto: CUT).
A igualdade de xénero na televisión e as radios públicas ou a "vulneración dos dereitos" que padece o cadro de persoal tamén saíron á palestra. 

A Casa Obreira, espazo de encontro, formación e debate en Santiago, vén de acoller na súa nave do barrio compostelán do Sar unha xornada organizada polo sindicato CUT na que voces relevantes do ámbito profesional, sindical e social galego analizaron o estado da liberdade de expresión e os discursos públicos da Compañía de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG).

O evento estivo dividido en catro mesas que falaron sobre a garantía da liberdade de expresión, medios públicos feministas, control da manipulación informativa e fiscalización sindical e social dos medios públicos.

Coordinadas por xornalistas, participaron representantes de diversos medios de comunicación -caso do subdirector de Nós Diario, Alberte Mera- e cos dereitos e liberdades -Xornalistas Galegas, Colexio de Xornalistas, Defende A Galega, Consello de Informativos de CRTVE e Esculca-, así como representantes parlamentarias da Comisión de Control da CRTVG.

María G. Albert: "A televisión e as radios públicas do país son, a día de hoxe, un instrumento de propaganda do Goberno da Xunta"

Entre outras reflexións, cuestionaron o "compromiso da CRTVG coa igualdade cando non se toman medidas contra as violencias machistas e hai sentenzas por discriminación de sexo".

Ademais, evidenciaron que "o Consello de Informativos ten autoridade, pero non poder", e fixeron un chamamento a desenvolver "outras ferramentas e espazos" ante a "falta de percorrido" da comisión parlamentar da CRTVG, algo sobre o que a xornalista e deputada do BNG María G. Albert apostilou engadindo que a televisión e as radios públicas do país son, a día de hoxe, "un instrumento de propaganda do Goberno da Xunta". 

Nunha liña similar, Alberte Mera botou luz sobre a "instrumentalización da CRTVG por parte da Xunta", poñendo o foco tamén na "vulneración demostrada de dereitos fundamentais" que sofre o cadro de persoal.