PACO GONZáLEZ SARRIA, DECANO DO COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS

“Os xornalistas non sempre poden traducir a súa vision da realidade galega nos medios nos que traballan”

Paco González Sarria

Paco González Sarria (Ponte de Domingo Flórez, 1962) é o novo decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza. Na súa toma de posesión, deu conta da paisaxe “desoladora” que hai nos medios de comunicación galegos. Conversamos con el do panorama que vive o sector.

Paco González Sarria comezou a súa carreira xornalística na desaparecida Ondas Galicia, en Ourense. Foi xefe de informativos en COPE-Ourense e delegado da TVG en Ourense.  Tamén traballou en La Voz de GaliciaFaro de VigoEl Correo Gallego, Cadena Rato, Agencia EFE, El País e foi colaborador de Público. En 1991 puxo en marcha o proxecto radiofónico Radio Miño, vencellado a Onda Cero. Actualmente é coordinador de redacción e contidos en Onda Cero-Ourense. É vogal da Xunta de Goberno do CPXG dende a súa fundación. 

Por que decidiu aspirar a ocupar o posto de decano no Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza?

Foi unha decisión conxunta. Máis-menos hai un grupo de persoas, de colexiados, que vimos traballando desde o nacemento do Colexio, hai 16 anos, e outros que se implicaron nos últimos oito anos. No conxunto había que seguir tirando da institución para que medrase. Pensamos que o mellor era algunha das persoas que levaba tempo traballando, desde o nacemento do colexio, para darlle unha continuidade para reforzar proxectos en marcha. Por outra parte, ninguén quere ser decano [ri] por pudor, porque rouba tempo... a fin de contas hai que dedicarlle tempo do teu ocio e iso é algo a valorar.

Que accións pensa desenvolver a nova Xunta de Goberno?

Temos interese en moitas cousas, pero sobre todo en reforzar proxectos en marcha, pensados sobre todo despois destes anos de crise, destinados a compañeiros que quedaron no camiño. Poño como exemplo Xornalismo na Escola, financiado por Caixabank, que queremos reforzar co apoio de concellos e deputacións. Solicitaremos entrevistas após o período electoral para que esa mesma idea que se desenvolveu con éxito con xornalistas en paro a través de charlas nos colexios das cidades poida ampliarse a máis beneficiarios. Traballamos tamén na idea de ver se é posíbel converter o colexio nunha entidade formadora, para impartir cursos e obradoiros e que sirvan de reciclaxe. Estamos na fase de solicitar a súa impartición, de pedir informes e saber que requirimentos son necesarios, descoñecemos se vai chegar a algo. E logo imos traballar por reforzar a propia imaxe do colexio como entidade de referencia representativa dos mais de mil colexiados e profundar na dignificación da profesión: será a referencia e a voz dos colexiados e da profesión en Galiza.

Con salarios de 400 ou 500 euros é moi difícil pedirlle a un xornalista  que faga un traballo digno, de calidade.

Como lle afectou á crise á calidade do xornalismo?

Dunha maneira brutal. Con salarios de 400 ou 500 euros é moi difícil pedirlle a un xornalista que fai 7 ou 8 noticias ao día, ou máis, que contraste a fondo, que redacte con detalle, que faga un traballo digno, de calidade. Isto non quere dicir que non se estea a facer. A crise conduce a carencias á hora de facer información e o xornalista non é responsábel. A crise deixou compañeiros no camiño e precarizou o emprego e o acceso a el. No día a día faise cada vez mais difícil poder ofrecer calidade con eses salarios. Se fose unha media xornada real, de 4 horas, por 500 euros... pero as medias xornadas acaban converténdose en completas.

A precariedade laboral no xornalismo vén xa de atrás. Pode facerse bo xornalismo coas condicións laborais que imperan nos medios?

A crise fixo en moitos casos que os xornalistas que xa estaban en precario acabasen no paro. O descenso de profesionais ou xornalistas nos medios de comunicación é preocupante. Detectamos un aumento do número de colexiados en paro, porque piden estar eximidos da cota. Mesmo algúns piden darse de baixa de forma temporal. E isto é só unha parte dos casos que coñecemos. Todos coñecemos ERE ou despedimentos progresivos e continuos nos medios. Isto afecta particularmente aos impresos, pero en xeral afecta a todos. A nós sempre nos gusta dicir que non somos un sindicato: unha cousa é dignificar e poñer o acento na precariedade, pero non somos un sindicato. Hai o Sindicato de Xornalista e os sindicatos de clase. Nós o que buscamos é como está afectando esta situación á calidade da información.

"A crise conduciu a que moitos medios estean condicionados pola publicidade institucional, que ten un maior peso e iso condiciona as liña editoriais"

Cal é a diagnose que fai do panorama xornalístico galego?

Eu creo que temos unha gran calidade de profesionais, pero non sempre poden traducir as súas inquedanzas e a súa vision da realidade galega nos medios nos que traballan por un montón de intereses. A crise conduciu a que moitos medios estean condicionados pola publicidade institucional, que ten un maior peso e iso condiciona as liña editoriais. Non quere dicir que non haxa xornalistas que saiban o que hai. Todos sabemos que hai casos de informacións que quedan no caixón ou liñas de información que non son sempre as que se axustan e as que están pegadas á realidade. Esta é outra das consecuencias da crise nos medios. Estamos vendo que aquí, en Galiza, evoluciona máis lentamente porque non hai tanto acceso á dixitalización, á internet. É máis lenta a presenza dos medios dixitais e a sangría de lectores nos medios impresos. Non sei en que momento nos igualaremos co resto do Estado, onde se ven máis ERE, o último en El Mundo.

Tamén semella que se fai máis traballo desde as redaccións e non no lugar dos feitos.

As redaccións son hoxe pequenas e con 10 ou 12 convocatorias faise imposíbel poder atendelas. Faise moito traballo desde as redaccións e menos in situ, co risco que supón ao non ter a visión imprescindíbel de estar no lugar para ver as cousas. Cada vez hai menos xornalistas nas redaccións.

Falaba antes da publicidade institucional. Que lectura fai do borrador de lei que prepara a Xunta de Galiza?

O desexábel é que houber un acordo e regras de xogo iguais para todos e que ese reparto estiver ligado ao número de lectores e oíntes e ao tipo de contidos de cada medios. Eu teño a impresión de que por isto das eleccións igual non ve a luz nesta lexislatura autonómica e en todo caso gustaríame estar errado, porque penso que unha vez que se aproba, se se chega a aprobar, os grandes medios verán a maneira de sortear as regras do xogo. Algunhas institucións puxéronse en contacto con nós interesadas en coñecer a visión do colexio sobre como chegar a puntos de acordo para facer un reparto equitativo e que non se produzan agravios comparativos.

"Todos coñecemos casos de medios que reciben grandes cantidades de cartos para que o galego apareza de xeito testemuñal, en suplementos ou no Día das Letras"

Moitos medios reciben axudas por usar o galego cando o fan de maneira moi testemuñal. Que opinión ten ao respeito?

Na utilización do galego non hai rigor por parte da Administración á hora de repartir eses fondos. Tamén pode ocorrer que algún medio non axude, porque todos coñecemos casos de medios que reciben grandes cantidades de cartos para que o galego apareza de xeito testemuñal, en suplementos ou no Día das Letras. Isto debería estar rexido por difusión e por contido real, é dicir, para aqueles medios que fagan un maior esforzo por incorporar o galego. Hoxe hai novos medios que apostan no galego, sobre todo na rede. A elección do idioma é un tema editorial e de empresa, que é respectábel, pero prodúcense agravios comparativos notábeis. A Administración debería aplicar unha norma na que se premie realmente o uso do galego e en base a esa utilización á difusión.

Que lle aconsella a quen queira estudar xornalismo?

Se penso como decano, diríalle primeiro que é unha profesión fermosísima na que non todo o mundo consegue realmente cumprir cos seus ideais. Unha das primeiras cousas que me dixeron cando empezaba a exercer o xornalismo, hai máis de 30 anos, era que calquera que estudara Económicas, Medicina, Arquitectura... podía exercer o xornalismo, pero que se es xornalista non podes ser médico, arquitecto... Unha vez que elixen Xornalismo, diríalles que teñan en conta a razón de ser das cousas e estar no lugares, e iso cada vez é máis complicado. Hai un compoñente de frustración entre o que cres que é o xornalismo e o que despois vas facer. Vas ter que loitar anos para conseguir unha posición na que realmente sobresaen os mellores. Fórmate para ser o mellor e seguramente conseguirás ser o mellor e rodearte das persoas que traballan no oficio e que te poden conducir polo camiño acertado. Poder contar as cousas e ser notario do que ocorre é un privilexio que non ten calquera cidadán. Iso é unha das cousas que nos fan amar a profesión.  Non sempre se consegue contar o que un quere e non sempre se consegue chegar ao destino final. Está no ADN do xornalista perseverar até conseguilo.

É partidario da colexiación obrigatoria, como noutros ámbitos profesionais?

Si, pero habería que contemplar todos os profesionais. Cando se crea o colexio contemplouse a terceira vía, unha excepcionalidade destinada a xornalistas que podían demostrar a súa profesión traballando nos medios. Agora esa vía está pechada. Hai moitos xornalistas que non fixeron a carreira e que se formaron nos propios medios e se se abrise colexiación obrigatoria deberían ter dereito a colexiarse. A partir de aí habería que volver contemplar a terceira vía e evidentemente só un colexiado podería exercer o labor, pero ese é un horizonte aínda afastado.