Xornalistas Galegas urxe á creación dun departamento de xénero nos medios de comunicación da Galiza

A asociación incide na necesidade inmediata dunha figura transversal para evitar a publicación de contidos machistas, sexistas ou que banalicen a violencia de xénero.

A asociación Xornalistas Galegas urxe os medios de comunicación de Galiza a incorporar unha figura ou departamento transversal que vele pola perspectiva de xénero nas informacións e contidos difundidos ao público, co fin de evitar a propagación de mensaxes e situacións machistas, sexistas ou que banalicen a violencia de xénero, incluída a prostitución.

O colectivo amosa a súa preocupación pola frecuente propagación de contidos e pezas informativas “sen perspectiva feminista nos medios galegos, con maior gravidade nos públicos, que deberían servir de exemplo e ser pioneiros na integración dunha figura que vele pola perspectiva de xénero de xeito continuado e rigoroso, antes, durante e despois da difusión de informacións e espazos informativos ou de entretemento”.

No último ano, Xornalistas Galegas denunciou a través da súa canle de Twitter decenas de publicacións en medios galegos e estatais carentes de perspectiva de xénero e lembrou en numerosas ocasións a obriga legal por parte das persoas profesionais e responsábeis dos medios de promover a igualdade entre homes e mulleres.

Neste contexto, o colectivo vén de impulsar ante o Parlamento galego unha iniciativa para garantir o cumprimento mediático das leis de igualdade e violencia de xénero, e solicitou á Secretaría Xeral de Igualdade o reforzo de mecanismos que garantan o compromiso dos medios coa perspectiva feminista.