Xornalistas Galegas contra a desinformación machista

Acto de presentación de Xornalistas Galegas

A asociación lembra aos medios de comunicación a necesidade dun tratamento cualificado e rigoroso da información sobre violencia de xénero.

Xornalistas Galegas reuniu unha serie de recomendacións relativas a este tipo de información propostas tanto polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia como polo Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia con motivo da proximidade do 25N, o Día Internacional contra a Violencia Machista.

 

Algunhas destas recomendacións inclúen acudir a voces expertas en materias xurídicas e psicolóxicas, así como a colectivos feministas para contextualizar o problema da violencia machista, facilitar información de servizo ás mulleres afectadas coa incorporación do teléfono de información gratuíto 016 e identificar o agresor coma o único responsábel mentres se rexeitan detalles e imaxes morbosas.

 

Ao tempo, aluden á necesidade de divulgar información sobre as mobilizacións de rexeitamento á violencia machista convocadas polos colectivos feministas, apelando á responsabilidade social dos medios de comunicación para contribuír a erradicala.

 

Ademais, a asociación, recentemente creada, inclúe a recomendación de consultar diversos manuais de referencia, coma a Declaración de Compostela, impulsada polo Observatorio Galego de Medios.