Máis de 400 adhesións

Xornalistas de diferentes países subscriben manifesto en apoio a Gara

Redacción do Gara

Reivindican a liberdade de prensa e a pluralidade fronte á decisión da xustiza española de endosar ao medio vasco a débeda de ‘Egin, o que pon contra a parede a supervivencia do Gara.

Xornalistas de Euskal Herria, de Alemaña, de Arxentina, de Reino Unido, Galiza, Catalunya, España ou Italia, entre outros países, asinan o manifesto ‘Preocupados polo Gara’, un documento que se solidariza co medio de comunicación vasco ao que a Facenda española exixe que pague medio millón de euros semestrais por considerar que é “sucesor ideolóxico” do Egin, xornal que Baltasar Garzón mandou fechar en 1998.

 

“Queremos solidarizarnos cos nosos compañeiros e compañeiras de ‘Gara’ (…) Queremos apoiar a liberdade de prensa e a pluralidade. As e os xornalistas temos suficientes problemas presentes e desafíos futuros como para ter que estar preocupados por pantasmas do pasado”, indican no manifesto, no que se lembra que Egin foi fechado de maneira ilegal en 1998, segundo recoñeceu anos despois mesmo o Tribunal Supremo. “Consideramos que endosar agora a súa débeda coa Seguranza Social a ‘Gara’ é absurdo e castiga inxustificadamente ese medio e os seus traballadores”.

 

Entre as sinaturas están a de xornalistas como Martxelo Otamendi, John Carlin, Ana Pardo de Vera, Vicent Pardal ou Luis Aizpeolea, entre moitos outros.