A FONDO

Que xornalismo temos? Que xornalismo necesitamos?

Capa e contracapa da entrega 144 do A Fondo.

Estamos de aniversario no Sermos en papel: catro anos na rúa -a primeira entrega saíu o 8 de xuño de 2012- e alcanzamos o número 200. Con tal motivo achamos ben facermos unha análise de como está o xornalismo na Galiza e se ese é o xornalismo que precisamos.

Xornalismo necesario é o título xenérico desta entrega do A Fondo, o caderno de análise do noso semanario que esta quinta feira atinxiu o seu número 144. Coordenado polo director do meio, Xosé Mexuto, este A Fondo analisa o estado do xornalismo na Galiza desde diferentes focaxes e empresta unha especialísima atención a aquel que, como Sermos, está vocacionado para construír un espazo galego de comunicación, naturalmente en galego.

Colaboran neste número Manuel Veiga, escritor e xornalista, ex director de A Nosa Terra; Dani Candal, responsábel da Rede Galega de Vídeo Blogues; Rebeca Romero, xornalista á que podedes ler en annemerkel.org e planetasaturno.me; Adrián Ferro, estudante de xornalismo na USC e Rocío Castro, xornalista de Sermos especializada en información cultural e ex directora de Vieiros.

Podedes facervos con este A Fondo mercando o número 200 do Sermos nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.