“O xornalismo feminista é o único xornalismo honesto”

Membros de Xornalistas Galegas após a súa asemblea fundacional.

Nace o colectivo Xornalistas Galegas co fin de defender un feminismo de clase no sector

Todo comezou cun grupo de WhatsApp. “A partir dese grupo para a mobilización das xornalistas polo 8M, comezamos a falar de crear un colectivo”, explica AlbaTaladrid Díez, unha das portavoces de Xornalistas Galegas. Finalmente, esa forza foi canalizada nas seguintes reunións para acabar converxendo nunha rede de traballo coordinado en grupos. O pasado sábado 7, a organización tivo a súa asemblea fundacional en Santiago de Compostela.

 

“Defendemos un xornalismo de perspectiva feminista porque entendemos que é a única forma honesta de xornalismo”, explica Taladrid Díez. A mobilización das profesionais da comunicación no pasado 8M naceu a raíz da convocatoria estatal de Las Periodistas Paramos, manifesto que asinaron máis de oito mil mulleres. Xornalistas, técnicas audiovisuais, docentes, investigadoras, comunicadoras e profesionais de todos os ámbitos da comunicación sumáronse á convocatoria. “Na Galiza foi unha mobilización moi seguida, fundamentalmente en Vigo e Santiago”, sinala.

 

A portavoz reflexiona sobre a situación social a nivel de xénero, e conclúe que no sector da comunicación concorre unha responsabilidade maior do que que noutros gremios. “Por algo o xornalismo é chamado o cuarto poder. É un mecanismo enorme para xerar opinión e conciencia e nós temos algo que dicir dentro dos medios”, afirma a xornalista. Polo de agora, a organización —aínda en fase incipiente— conta con diversos grupos de traballo (laboral, profesional, redes sociais e medios...) e mantén contacto coa plataforma Las Periodistas Paramos, sediada en Madrid.

 

"A nosa visión é transversal, as xornalistas mulleres temos unha serie de características comúns, mais nas asembleas está moi presente a nosa vontade de non nos converter nun satélite de Madrid", asegura Taladrid Díez, quen ve máis un aproveitamento da forza mobilizadora da plataforma para facer fronte aos problemas do sector.

 

Bolseiras precarias

 

Estes problemas son abordados polas xornalistas en dous obxectivos xerais. No eido laboral, as reivindicacións están en comuñón cos conflitos que afrontan as mulleres obreiras do resto de sectores.  “O teito de cristal, o chan pegañento, a fenda salarial, o problema da conciliación…”, enumera a portavoz. Taladrid Díez chama tamén a atención sobre a "normalidade preocupante" coa que se asumen as condicións de traballo actuais, sinalando en concreto a situación de bolseiras e novas traballadoras. "A precarización xeralizada para a muller mantense no caso do xornalismo, e é un dos ámbitos máis urxentes", declara.

 

No profesional, a responsabilidade social do oficio pasa pola visibilización da muller no mundo da comunicación, dando voz como parte activa da sociedade e eliminando os roles sexistas. "Queremos poder dar unha información específica e formada sobre certos temas como a violencia de xénero ou o acoso á muller", puntúa.

 

Loita en chave colectiva

 

Fronte ao paradigma do xornalismo como un oficio competitivo e individualista onde destacan figuras concretas, Alba Taladrid Díez defende, botando man do concepto da "sororidade", que "para conseguir facer un xornalismo honesto que procure o ben común cómpre substituír esa visión por un xornalismo solidario e colectivo". E así, en chave colectiva, será a próxima asemblea, programada para o segundo sábado de setembro. Alén disto, Xornalistas Galegas anuncia que durante o mes de setembro ou outubro organizará un acto inaugural do colectivo quer para dar a coñecer a entidade quer para difundir as súas liñas de traballo.

 

Nota: Para participar no colectivo pode contactarse a través do enderezo electrónico xornalistasgalegas@gmail.com.