Nove xornadas consecutivas de descenso nos casos activos

Unha muller recibe a primeira dose da vacina de AstraZeneca. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

Galiza inicia a semana cunha repunta de hospitalizados e os novos contaxios redúcense a 76.

Galiza inicia esta semana cunha repunta dos hospitalizados pola Covid-19 a 125 pacientes, oito máis que a xornada anterior, e un descenso dos novos contaxios a 76, que supoñen 48 menos, mentres que os casos activos manteñen a tendencia descendente e redúcense a 2.262.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste domingo, recollidos por Europa Press, os pacientes Covid en UCI ascenden a 31, tres máis, e os hospitalizados noutras unidades soben a 94, cinco máis, polo que hai 125 ingresados. Mentres, 2.137 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe nas de Santiago e Barbanza, Ourense, Pontevedra e O Salnés e Lugo, mentres que se mantén nas da Coruña e Cee, Vigo e Ferrol.

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 seguen coa tendencia descendente e encadean 9 xornadas consecutivas de caída até situarse nos 2.262, que supoñen 38 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (114) que novos contaxios (76).

Agás nas áreas sanitarias de Lugo (+9) e Ferrol (+1) nas que aumentan lixeiramente as infeccións activas, nas outras cinco descenden: A Coruña e Cee (-16); Vigo (-13); Ourense (-8); Pontevedra e O Salnés (-6) e Santiago e Barbanza (-5).

En canto aos novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba descenderon por baixo do cento -feito que sucedeu a terza feira da semana pasada- até os 76, que supoñen 48 menos que os 124 do día anterior.

Do total de positivos, 75 foron confirmados por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos difundidos por Sanidade, deles 18 na área de Vigo; 16 na de Lugo; 11 na de Pontevedra e O Salnés; 10 na de Santiago e Barbanza; nove na da Coruña e Cee; seis na de Ferrol; e cinco na de Ourense.

En canto á taxa de positividade repuntou a un 2,45% despois de manterse a semana pasada por baixo do 2%. Por tanto, continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. 

Desde o inicio da pandemia faleceron no conxunto de Galiza 2.417 persoas diagnosticadas con Covid-19, ao non notificar a Consellaría de Sanidade ningunha morte desde este sábado.