Unhas xornadas abrirán o debate sobre asistencia sexual en Galiza

Organizadas polo Foro de Vida Independente terán lugar o 24 de novembro na Facultade de Educación da USC.

 

Unha completa xornada arredor do dereito ao pracer e a diversidade funcional. Eis a aposta do Foro de Vida Independente para lanzar o debate da asistencia sexual na Galiza. 

Terá lugar na Facultade de Educación da USC o 24 de novembro e a entrada é libre até completar aforo. A programación componse de palestras e coloquios arredor dun "asunto moitas veces ignorado" e "considerado un tema tabú", explican desde o Foro. 

Neste senso, afondarán na sexualidade como un dereito inherente a todas as persoas e na figura da asistencia sexual como o "apoio" ou "soporte" para poder exercer o devandito dereito. Isto é, unha ferramenta para garantir o dereito ao pracer. 

Desde o Foro de Vida Independente sinalan o seu traballo na defensa do "empoderamento" e "dos dereitos humanos" das persoas con diversidade funcional polo que queren promover o debate e contribuír á promoción das políticas necesarias a prol do recoñecemento dos desexos sexuais das persoas con discapacidade. 

O Foro de Vida Independente quere abrir o debate arredor dun tema que, din, é "considerado tabú" e foi  "moitas veces ignorado" 

Nas xornadas colabora a Secretaría Xeral de Igualdade cuxa responsábel, Susana López Abella, participará na abertura das mesmas. 

A programación, ampla e variada, fará un percorrido por diversas temáticas vencelladas á diversidade funcional e as sexualidades e incorporan palestras con proxectos como o documentario Yes, we fuck (Si, nós fodemos) da man do seu co-director Antonio Centeno; ou Tandem Team BCN, a primeira experiencia de intermediación entre utentes e acompañantes íntimos. 

Podes consultar o programa completo no portal web do Foro de Vida Independente

No número 168 do semanario en papel publicamos unha reportaxe a dupla páxina arredor da sexualidade e diversidade funcional da man de Toño Nóvoa, integrante do Foro de Vida Independente; Anxela López Leiceaga, protagonista do documentario Yes, we fuck (Si, nós fodemos) e de María Clemente e Francesc Granja, de Tandem Team Barcelona.