Xornada complexa nas estradas galegas: a Galiza rexistra 32 incidencias por mor da neve e do xeo

Estado da estrada A-52 na mañá deste sábado ao seu paso pola comarca de Viana. (Foto: Vanesa Bravo)

O temporal provocou o corte da A-6 e varios accidentes noutras vías galegas

A Galiza rexistrou un total de 32 incidencias, 21 desde as 8 horas deste sábado, nas estradas causadas pola neve ou o xeo. Así o informou o 112, que detallou que o accidente máis relevante foi na AP-9, ao seu paso por Pontevedra con, polo menos, dúas persoas feridas tras un colisión múltiple.

A este suceso sumáronse incidencias pola presenza de neve nas estradas dos concellos de Chantada (comarca homónima), Folgoso do Courel (comarca de Quiroga) e Triacastela (comarca de Sarria).

Ademais, víronse afectados os municipios de Montederramo (Terra de Caldelas), Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense), Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), Avión (O Ribeiro), Calvos de Randín (A Limia), Cualedro (comarca de Verín), Laza (comarca de Verín), Lobeira (A Limia), Maceda (comarca de Allariz-Maceda), Cea (comarca do Carballiño) e A Gudiña (comarca de Viana). Tamén en Forcarei (Terra de Montes), Rodeiro (Deza) e Dozón (Deza).

Retencións e accidentes na A-52

Na A-52 ao seu paso pola Gudiña, diversos condutores informaron de importantes retencións debido ás nevadas e á presenza de xeo na calzada. Até o punto desprazouse a Garda Civil de Ourense e os servizos de mantemento da autovía, que traballan no punto con diferentes máquinas quitaneves.

Nesta mesma zona, un camioneiro contactou co 112 ao fío das 11 horas e indicou que chocara contra outro camión no quilómetro 126 en sentido Ourense. Aínda que os vehículos non perderan a carga —lixo nun e pezas de vehículos no outro— quedaron atravesados na vía e interromperon a circulación. Con todo, a Garda Civil confirmou que ningún dos condutores resultou ferido e o tráfico quedou restabelecido.

Cortada a A-6 durante a mañá

Pola súa banda, a circulación na autovía A-6 entre o municipio de Noceda (comarca de Sarria) e de Vega de Valcarce (Castela e León) foi restabelecida tras permanecer cortada pola neve.

Nesa vía a circulación está condicionada desde o quilómetro 438 en Noceda até o 415 en Trabadelo (Castela e Lelón). Na A-8 o vento tamén está a provocar afectacións entre os quilómetros 536 en Veiga de San Tomé, en Lourenzá (A Mariña) ao 552 no Someiro, en Abadín (A Terra Chá), en ambos os sentidos.

Por outra banda, minutos despois das 8.30 horas, na A-52 ao seu paso pola Cañiza (comarca da Paradanta), un turismo sufriu un accidente por mor das precipitacións.

Tamén na AP-9, ás 9.30 horas, produciuse unha saída de vía por mor do granizo da que non houbo que lamentar persoas feridas.