Xoguetes rotos: A problemática do abandono animal

"Un can é un ser vivo, non un xoguete do que podes cansar aos poucos meses". As protectoras de animais denuncian a falta de sensibilización que provoca o abandono animal, unha práctica moi estendida no país. A Lei de Benestar Animal do 2017 responsabiliza os concellos e a Xunta non ofrece o soporte económico necesario

E ste Nadal, as cativas galegas atoparon baixo a árbore balóns, bonecas, videoxogos e… cans. Agasallar animais domésticos é, segundo un recente estudo da asociación animalista Libera!, unha práctica común na Galiza. En concreto, 5.000, sobre todo cans e gatos, dos cales arredor de 2.000 poderían ser abandonados antes de rematar o ano.

"Nas tendas ofrécense mascotas con ofertas e promocións que as cousifican, e o comercio electrónico é un absoluto descontrol", asegura Rubén Pérez, voceiro de Libera! na Galiza, quen salienta que se trata dunha compra "moi pouco reflexionada" que, con frecuencia, "deriva no abandono do animal aos poucos meses".

Falta de sensibilización

Esta é unha problemática que sacode especialmente o país, xa que, segundo estima a ONG, no 2018 terían sido abandonadas preto de 22.000 mascotas, un 15% máis que no ano anterior. "Falta moita educación e sensibilización, a xente ten que decatarse de que un animal é un ser vivo e non un agasallo do que podes cansar aos poucos meses, cando medra e hai máis responsabilidades", asegura Beatriz Martín, fundadora da protectora Gatocan, no concello de Coirós.

Este centro inaugurouse en 2008 e, desde entón, acolleu máis de 2.100 animais, dos cales 1.600 foron adoptados. Desde Gatocan consideran que o abandono supón un "goteo continuo" durante todo o ano, polo que as súas instalacións chegan con frecuencia ao límite de ocupación. Porén, semella que non todos os animais compiten en igualdade de condicións á hora de atopar un fogar: "A maioría da xente só quere adoptar cachorros ou de determinadas razas; os cans e gatos mestizos ou máis vellos poden pasar moitos anos no refuxio", lamenta Martín.

Na mesma liña apunta Gumersindo González, director da rede de canceiras da Deputación de Ourense, malia que recoñece que cada vez se fan máis campañas a prol da adopción de animais de avanzada idade. "Téñeno máis difícil os cans grandes porque precisan dun amplo terreo", explica.

Pola súa banda, Olalla García, directora do Refuxio de Bando (Compostela), considera que a sociedade está "cada vez máis concienciada" e aumenta a adopción de cans anciáns, porque "ao refuxio agora case non chegan cachorros". Non é o caso dos gatos, xa que en Bando proliferan estas camadas. Ademais, moitos dos animais recollidos son localizados cedo polos seus donos grazas, en parte, á obriga de levaren o chip identificador desde a aprobación da lei de 2017.

"A tempada de caza é terríbel"

En que condicións se atopan os animais cando chegan aos refuxios? As protectoras consultadas explican que, polo xeral, non se aprecian sinais claros de malos tratos, pero si unha falta de coidados.

 "A meirande parte dos animais veñen con moito medo. Afortunadamente non adoitan ter grandes signos de maltrato, pero si poden levar varios días sen comer", denuncia Ángeles Valero, da protectora de Lugo. Para ela, a tempada de caza é "terríbel", xa que os cans empregados para este fin chegan habitualmente "en malas condicións". Moitos deses animais, segundo apuntan desde Libera!, son vendidos a través de Internet; outros, directamente abandonados no monte.

Olalla García, pola súa banda, considera que a situación mellorou pero, aínda así, esta práctica segue a ser común: "Cando remata a tempada de caza e antes de que empece, cando están adestrando e ven que non valen, abandónanos. Antes tiñamos o refuxio cheo de cans de caza, mais agora moito menos", indica.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.