María Obelleiro reivindica o futuro do xornalismo multisoporte e aproveitar as sinerxías de papel e dixital

Obelleiro, De Paz, García, Carballa, Hervella e Rodríguez, na xornada de hoxe. (Foto: Arxina)
A directora de 'Nós Diario' participa nunha xornada sobre xornalismo.

O Consello da Cultura Galega organizou esta segunda feira as xornadas baixo o título Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel. O evento buscaba analizar a realidade actual dos medios de comunicación escritos en galego en formato papel, así como a súa resistencia e adaptación nun contexto marcado en gran medida pola dixitalización e pola crise económica.

No acto levouse a cabo un coloquio no que participou a directora de Nós Diario, María Obelleiro xunto con Fernando de Paz, de Tempos Novos; Diego Elías García Puente, de Terrachaxá; Carlos G. Hervella, de O SIL; e Guillermo Rodríguez Fernández, de A Peneira, que reflexionaron sobre sobre as Experiencias de medios escritos en galego en formato papel: os existentes antes do 2000 e os que foron aparecendo nos últimos anos.

Nesta mesa redonda, Obelleiro repasou a traxectoria do xornal incidindo no modelo de información multisoporte baseado “nun diario en papel para un dixital máis forte”.

Así, a directora de Nós Diario indicou que “grazas ás persoas subscritoras conseguimos manter a versión dixital, que é aberta e sen muro de pago”. Nesta liña, sostivo que “avogamos pola democratización da información” e tamén pola contribución “a prestixiar o galego, nun momento no que a maioría dos medios editan a diario na Galiza empregando como lingua vehicular o castelán”.

Ademais, Obelleiro criticou que “no sistema mediático no que nos movemos todo está condicionado polas axudas da Xunta”, unhas axudas “discriminatorias” das que “estamos excluídos”. Así, sostivo, “xogamos con inferioridade de condicións con outros medios que si contan con estas subvencións”.

É por isto polo que Obelleiro agradeceu “o compromiso, a lealdade e a confianza” das persoas subscritoras que permiten o desenvolvemento “dun xornalismo sen mordazas e non clientelar” como Nós Diario.