Xoán Cardelle, astrónomo amador: "Poderíamos ser unha potencia en astronomía polas boas condicións para ver o ceo"

Xosé Cardelle, presidente Agrupación astronómica coruñesa Ío (Agrupación astrónoma coruñesa Ío)

A atracción pola observación do ceo na Galiza non é de agora. Moitas son as entidades que se dedican a espallar a astronomía con múltiples actividades. Unha delas, a Agrupación coruñesa Ío, foi a impulsora de que unha estrela leve o nome de Rosalía de Castro e o seu exoplaneta se chame Río Sar. Xoán Cardelle, o seu presidente, conta as virtudes desta paixón e o perigo de que desapareza.

Hai moita afección á astronomía na Galiza?

Moita. Somos unha morea de agrupacións. Nas comarcas da Coruña hai en Compostela, Ribeira e nas de Pontevedra hai máis de tres. Estráñalle moito aos de fóra polo mal tempo que temos durante o ano.

Como pasa xente de observar o ceo a participar nunha agrupación?

Moita xente contacta con nós logo de pasar polo planetario da casa das ciencias e ver algunha sesión. Cando hai algo que chama a atención, como poden ser as Perseidas ou os eclipses, tamén se achegan moito. Temos moitas liñas de contacto a través das redes sociais. Calquera pode comezar a observar o ceo. Non hai que ter medios. Hai quen pensa que ten que comprar un telescopio e non é así. Primeiro tes de coñecer o ceo, empregar un planisferio e saber mirando.

Logo cuns simples prismáticos que dan moito xogo xa solucionas. Se che gusta xa terás tempo de ir máis alá. Nas saídas poden ver os telescopios que empregamos, hai varios e cada un é para unha cousa. Hai xente que non ten e leva con nós desde a nosa fundación.

O interese vén por contar co ceo que está aí sempre e é gratuíto. Ten moitos campos, desde a física até a química, mesmo poesía, na que profundar. É estar en contacto coa natureza seguido. Temos moito en común coas persoas que lles gusta observar aves. Témoslle respecto e cariño á natureza.

Hoxe en día enfastíannos co  proxecto Starlink, unha campaña de Elon Musk para meter internet onde non chega, mais creo que vai moito máis alá. Agora sumouse Amazon coa súa propia frota con máis de 3.000 aparellos. Cada día veremos peor as estrelas, cando tiña que ser un dereito de todo o mundo.

Hai conciencia do que significa a contaminación luminosa?

É un dos campos de batalla que levamos sempre adiante. Unha boa parte da xente non colle conciencia do que significa e pensa que non é contaminación. Sabemos que se vas ao monte a observar ves moitas máis estrelas que na cidade, mais se prendes un móbil tardas media hora en recuperar a visión que tiñas. Deixar de ver estrelas é inmediato mais recuperarse leva tempo. A pupila non está tan preparada.

O astroturismo favorece o espallamento da astronomía?

Desde logo. Na Veiga concienciouse o alcalde e a iluminación agora vai onde ten que ir, ao chan. Está moi apantallada e non se presenta cunha potencia excesiva, senón coa necesaria. É absurdo meter farois no medio do monte. Hai moitos animais que fan a maior parte da súa vida de noite. Nós mesmos estamos afeitos a pasar a metade da vida de día e a outra de noite. Iso estámolo perdendo pola presenza das luces dentro e fóra das casas. Necesitamos a escuridade total para que o noso corpo descanse. Se non é así podemos ter consecuencias médicas.

Tería que estenderse para que a xente se concienciase de que todo está relacionado. Agora hai menos insectos, e eles son os que polinizan as plantas para que haxa pastos e por iso hai gando. Se acabamos cos insectos haberá máis fame no mundo tamén. A luz é algo que se debe usar só na cantidade necesaria para cousas puntuais, melloraría moito o planeta.

Falta presenza da astronomía na educación?

Debería darse máis. Hai anos había máis aulas, era unha materia. Hoxe en día chámannos a nós para que demos unhas charlas fóra de horas lectivas. Deberían contar con máis tempo, como as ciencias en xeral. Poderíamos ser unha potencia en astronomía pola cantidade de agrupacións que somos e as boas condicións para ver o ceo.