Xinzo recomenda a súa veciñanza adiantar o toque de recoller ás oito

Elvira Lama (PSOE), alcaldesa de Xinzo de Limia.

Recomenda aos comercios fechar ás seis.

O Concello de Xinzo de Limia recomenda os seus veciños e veciñas que adianten o toque de recoller ás oito da tarde e aos comercios que fechen ás seis, en solidariedade coa hostalaría e ante "a alarmante situación epidemiolóxica" do concello e da comarca.

En declaracións a Europa Press, a alcaldesa, Elvira Lama, sinala que esta medida foi adoptada a modo de recomendación a través dun bando porque o consistorio carece de competencias para impola de forma obrigatoria.

Confinada á espera do resultado dunha segunda proba PCR despois de ser contacto dun positivo en coronavirus, a rexedora informou que esta decisión será trasladada agora á Consellería de Sanidade, "á espera" de próximas medidas tanto por parte do Goberno galego como do español.

Tampouco deu conta desta decisión ao seu partido, o PSdeG, segundo recoñece, xa que non tivo "nin tempo", e subliña que o que pretende é tentar frear o avance da pandemia e non ser pioneira.

O bando está asinado polo tenente de alcalde e xa publicado, e Lama espera que sirva para "rachar a cadea de transmisión" aínda que sexa "pola vía da recomendación".

De acordo cos seus números, en Xinzo hai 203 casos activos de Covid-19 "e subindo", mentres que son outros 143 na comarca, o que deixa o dato en 346 para unha poboación inferior aos 20.000 habitantes. "Unha taxa enorme que non se pode permitir", advirte, antes de recalcar que "está en xogo a saúde da xente".