Ximena González, activista: "A xustiza patriarcal é un elemento central na reprodución da violencia"

Ximena González o 8-M de 2020 en Ourense (Foto: Sara Garchi).
Ximena González (Bos Aires, 1979) é activista da Marcha Mundial das Mulleres, un movemento internacional á procura dunha transformación radical da sociedade, en chave feminista e anticapitalista. Este 20 de novembro a coordinadora galega da Marcha desenvolve na Estrada o seu encontro nacional.

Segue a ser o feminismo un movemento incómodo e insolente?

O feminismo sempre marchou a diferentes velocidades. Os feminismos, en plural, máis que o feminismo como movemento homoxéneo. Os feminismos temos moitas axendas diferentes. Algunhas confluentes e outras claramente diverxentes. Hai moito debate ao respecto no noso seo. Pero sempre hai unha parte do feminismo que é insolente, rebelde, contestatario e moito máis avanzado que outras fraccións que van marcando metas máis curtas, de reforma do sistema, como se pode facer desde o espazo político. Despois está o feminismo máis transformador, que aspira a mudar todo máis de raíz.

É certo que nos últimos a eclosión do feminismo fixo que mudara cara a un fenómeno de masas. E hoxe estamos vendo que a voz máis forte dese feminismo seguramente non sexa a voz dos feminismos máis transformadores.

Cales son os espazos de loita e os piares dese feminismo máis transformador que procura o cambio social e o desenvolvemento integral das mulleres?

Desde a Marcha Mundial das Mulleres entendemos que un feminismo transformador ten que ser anticapitalista, antirracista, antiimperialista e decolonial ademais de promover o dereito de autodeterminación dos pobos. Un feminismo capaz de cuestionar a orde económica e social na que vivimos, de opoñerse a como se rexe o mundo, de combater as lóxicas que sitúan as persoas racializadas nunha posición inferior e de promover outras olladas e formas diferentes de enfrontar o propio sistema patriarcal sen necesidade de impor a visión dunha parte do mundo sobre as mulleres de todo o planeta.

A coordinadora galega da Marcha está inserida no movemento internacional e entendemos que temos unha loita conxunta, pero cada unha de nós estamos chamadas a darlle unha solución concreta na nosa realidade. 

Que asuntos figuran nas axendas locais da Marcha Mundial das Mulleres?

En máis de 20 anos de historia, a Marcha sempre estivo ocupada en interperlar as institucións e a realidade local mais en denunciar como o patriarcado acaba collendo corpo onde vivimos e traballamos. Vémolo estes días en Compostela, onde as compañeiras ofrecen apoio ás xogadoras da SD Amio que a directiva do club non deixa saír para xogaren noutros equipo.

Tamén traballamos nos concellos coas políticas de igualdade, no ámbito educativo, denunciando situacións de agresión e procurando cada vez máis recursos. Tamén no contorno laboral, onde é básico entender por que os traballos peor pagados e as pensións máis baixas recaen contra os corpos das mulleres.

As datas de reivindicación histórica como o 25-N ou o 8-M tamén son parte desas axendas. Que lugar ocupan?

Son citas importantes. Primeiro, porque nos conectan cunha ollada internacional do feminismo. Son datas planetarias e tenden lazos cara a unha xenealoxía propia e cara ás loitas das mulleres ao longo da historia. E segundo,  porque ofrecen visibilidade. Permítennos ter protagonismo e a capacidade de que nos escoiten. O feminismo convértese aí nun movemento que interpela e pode ser interpelado pola sociedade. Polo tanto, constitúen unha expresión de forza e existencia que nos serve para sumar mans, gañar en organización e soster outras loitas o resto do ano; máis pequenas seguramente, pero tamén máis importantes e transformadoras.

O 25-N é a data escollida para dar visibilidade ás violencias e ás distintas formas de opresión que exerce sobre as mulleres o sistema patriarcal. 

É un día chave para o feminismo. Necesitabamos colocar na axenda pública a cuestión dos asasinatos e das violencias máis brutais. Co paso do tempo creo que estamos a afondar no que significa. Un asasinato é a expresión máis bárbara da violencia, pero esta iníciase moito antes. Se queremos enfrontar a violencia feminicida e dos abusos temos que comezar por outro sitio. Non a imos parar saíndo á rúa porque asasinen unha muller. Hai que mudar cousas que van moito antes na cadea das violencias e nós, desde a Marcha, queremos pór o foco na xustiza patriarcal, elemento central na reprodución da violencia.

As leis de protección integral contra a violencia levan ben máis dunha década aprobadas. Pois cada vez que imos denunciar volvémonos atopar nunha encrucillada de violencias, reproducidas por todas as institucións que participan no proceso.

Que papel xogan nos axuizamentos os prexuízos de xénero?

A xustiza aínda non ten perspectiva de xénero. O habitual, o mal chamado normal na xustiza, é bater con sentenzas brutais que nos culpan, que nos revitimizan e reproducen a violencia. Por iso é moi interesante sinalar estas outras violencias tamén o 25-N.

Acábase de reabrir o caso da Maruxaina após deixar que se arquivara sen procurar ningunha responsabilidade. Hai pouco coñecemos os detalles doutra sentenza que o menos malo que dicía, case, era o da 'Galiza profunda', porque había cousas moito peores referidas á nai, deitando sobre ela todas as responsabilidades. A violencia dos xulgados é brutal. Sabémolo porque acompañamos moitas mulleres, desamparadas,  aterrorizadas, porque se ven sinaladas máis que o propio delito.

Os desafíos do feminismo galego despois da pandemia

Despois da Covid, o feminismo galego representado pola Marcha Mundial das Mulleres busca "recuperar a comunidade". "Houbo moitas mulleres que quedaron desamparadas a nivel familiar, laboral e de coidados. O golpe que nos deu a pandemia aínda está por determinar" e urxe unha resposta, salienta Ximena González. "Sobre todo porque despois da pandemia veñen os axustes do sistema económico, e estamos convencidas de que as máis afectadas volveremos ser as mulleres ao partir dunha situación máis precaria". O feminismo, afirma, terá que responder xunto a outros axentes sociais. "Non é só cuestión de presenza ou de violencia machista, tamén de toda a violencia económica que sufrimos pola condición que arrastramos".