Por que o xílgaro europeo é a Ave do Ano 2026?
SEO/BirdLife elixiu o xílgaro europeo como Ave do Ano 2026 tras unha votación aberta ao público que superou os 11.000 votos e que busca chamar a atención sobre a conservación das aves comúns e dos hábitats que sosteñen a biodiversidade.
O xílgaro europeo (Carduelis carduelis Linnaeus, 1758) foi proclamado Ave do Ano 2026 logo dun proceso participativo no que a cidadanía escolleu entre tres especies candidatas —xílgaro europeo, laverca dos campos e corvo mariño cristado—. Con 6.519 votos, o 56,61% do total, a especie impúxose nunha das edicións con maior participación da historia desta iniciativa, que a ONG promove desde 1988 para visibilizar os retos de conservación da avifauna no Estado español.
A elección do xílgaro non responde a unha situación crítica da especie —catalogada como de Preocupación Menor na Lista Vermella Europea de Aves—, senón a que representa de maneira clara moitos dos problemas ambientais actuais: desde o impacto do modelo agrario e urbano até as capturas ilegais con fins de comercio e tenza en catividade. Trátase dunha das aves máis coñecidas e apreciadas polo público, recoñecíbel polo seu canto melodioso e alegre —con razón a alguén que canta moi ben se lle di que "canta como un xílgaro"— e pola súa plumaxe coa característica careta vermella, ás negras con bandas amarelas e dorso pardo.
Presente en practicamente todo o territorio estatal, incluídas Canarias e Baleares, o xílgaro conta cunha poboación estimada de entre 14 e 15 millóns de exemplares. Porén, o uso intensivo de herbicidas e pesticidas nos sistemas agrícolas e a captura ilegal seguen a provocar perdas importantes cada tempada. Por iso, a campaña Ave do Ano 2026 porá o foco na conservación da biodiversidade nas paisaxes agrarios —oliveirais, devesas, pasteiros arborados, marxes agrícolas—, espazos clave para o seu ciclo vital.
Ao tempo, a presenza habitual do xílgaro en vilas e cidades permitirá abrir o debate sobre a necesidade de reverdecer as contornas urbanas e aplicar modelos de xardinaría menos intensivos, que favorezan a dispoñibilidade de sementes e refuxios. A ONG lembra que unha xestión máis respectuosa de parques, predios e espazos marxinais pode converter estes ámbitos en hábitats de interese para o xílgaro e outros frinxílidos.
Durante 2026, SEO/BirdLife desenvolverá accións de sensibilización, educación ambiental, incidencia política e conservación centradas nesta especie. Entre elas, reforzará proxectos como "Campos Vivos" ou "Agroestepas Ibéricas", que defenden unha agricultura compatíbel coa biodiversidade, e continuará promovendo solucións baseadas na natureza nas cidades. A organización tamén advirte do risco de retrocesos normativos a nivel europeo e reclama manter políticas que reduzan o uso de pesticidas perigosos e impulsen prácticas agrícolas sostíbeis.