O XI Festival Internacional de Xardíns de Allariz abre as súas portas este sábado

Festival Internacional de Xardíns de Allariz (Imaxe: Concello de Allariz).

O sábado, día 15 de maio, a XI edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz abrirá a súas portas para que toda aquela persoa que queira se achegue a descubrir os Xardíns da Poesía.

O sábado 15 de maio ás 19 horas abre a XI edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que nesta ocasión está dedicado á poesía. Trátase dun espazo para pasear e gozar. Un proxecto único que ofrece desfrutar dun espazo recuperado para o uso público na marxe dereita do río Arnoia.

O concurso, coa temática “Xardíns da Poesía”, conta con propostas que recrean, en cada parcela, o espírito dunha poeta ou a atmosfera dun movemento poético. Desta maneira, cada xardín consistirá nun espazo dedicado ás obras literarias que permitirá unir arte, cultura e paisaxismo.

Trátase dun proxecto que contribúe ao achegamento das flores, plantas e da arte ao espazo urbano e, de xeito simultáneo, á conservación e á posta en valor do medio rural. Aspectos coherentes co recoñecemento da área de Allariz como Reserva da Biosfera da Unesco.

Tres hectáreas destinadas a gozar

A xornalista Mar Gil, especialista no festival internacional, explica que se trata de 37.700 m2 de auga, sons, cores e vexetación. Tres hectáreas de natureza nunha iniciativa pioneira na península, xunto ao portugués de Ponte da Lima. Un crebacabezas verde que mantén durante o ano un marco estrutural fixo e que renova, cada primavera, doce espazos asignados á creatividade e á innovación paisaxística.

O festival, que permanecerá aberto até outubro, está integrado por dez proxectos que competirán polo voto das persoas visitantes que se acheguen ao certame, que é, desde os últimos anos, un dos atractivos turísticos máis importantes da vila. De feito, a el achéganse cada ano máis de 40.000 persoas.

A edición da poesía estaba prevista para 2020, mais ficou adiada a este ano pola pandemia. Nela participan propostas chegadas de Portugal, A Arxentina, Italia, Alemaña, China ou España que compartirán espazo co xardín gañador da edición 2019 "Sé o heroe da túa propia película" do Equipo EMU formado por Elisabeth Stacher, Max Miller e Udo Buttinger. E, como vén sendo costume, entre os doce espazos participantes, haberá un xardín deseñado polas crianzas dos centros educativos de Allariz.

A última vez que puido desfrutarse do festival foi en 2019, ano en que se dedicou ao cinema, con espazos que recreaban películas como A lingua das bolboretas ou Mary Poppins.