Entrevista a Alba Verea, estudante galega en Seul

"A xestión da pandemia fixo que en Corea do Sur caese o mito de Europa e EUA"

Alba Verea, no pazo de Gyeongbokgung, Seul, antes da escalada da pandemia.
Desde a capital de Corea do Sur, a coruñesa Alba Verea, estudante de tradución literaria, conta en primeira persoa a Nós Diario como se vive o coronavirus desde ese lugar ao que o mundo mira por ter logrado conter a expansión e acadar as taxas de mortalidade máis baixas a base de probas xeneralizadas e control telemático.

Como se vive a pandemia, pasados os picos de contaxio?
Vou ao instituto unha vez á semana. Ao principio, o reinicio do curso, previsto para o 3 de marzo, adiouse dúas semanas. Despois as clases comezaron. Hoxe, no meu caso, mantéñense presenciais naqueles grupos de menos de dez persoas e o resto faise online. Ademais, na academia de idiomas impuxeron medidas de control, como a toma da temperatura antes de entrar. Desde hai uns días, temos que cubrir un formulario, que inclúe a nosa temperatura, un teléfono de contacto e información sobre saídas do país. En canto ás rutinas, eu saio o menos que podo, por precaución, e cando o fago é sempre con máscara, con desinfectante de mans e procurando non tocar nada. Pero a xente empeza a facer vida normal.

Entón, o coronavirus non cambiou os hábitos da xente? 
Aquí retomáronse todas as clases --en infantil, unicamente online--, non fecharon nin os restaurantes nin os negocios. Si houbo cambios. Por exemplo, nos autobuses e nos ascensores hai desinfectante e, nos primeiros momentos, no transporte daban máscaras de balde. O país non chegou a estar paralizado, pero si é certo que despois do foco de Daegu se percibiu menos xente na rúa.  Cando subiron os contaxios, moitas zonas turísticas quedaron case baleiras, sobre todo a zona de Myeongdond, moi popular entre o turismo chinés. Hoxe volve haber moita xente na rúa, aínda que toda con máscara. Tamén é certo que, culturalmente está máis incorporada, pola polución, por evitar contaxios de catarros… non tanto como agora, pero a xente xa estaba habituada ás máscaras. 

Como se está a xestionar o material sanitario?
As máscaras comezáronse a racionar porque non había. Estabeleceuse un sistema para mercalas, ordenado por data de nacemento. Unicamente dúas por semana por persoa, e só coreanas ou estranxeiras que teñan o seguro médico nacional. Agora, Seul anunciou que tamén se vai prover xente extranxeira. 

Nas fases máis agudas, non houbo limitacións á mobilidade.
Até agora non houbo restricións de voos, agás con Wuhan (na China), de onde chegou o primeiro caso, e co Xapón, que pechara o acceso a Corea. Desde hai uns días, as persoas que chegan deben pasar dúas semanas en corentena e reportar os síntomas que poidan ter desde unha APP. Ademais, están xeolocalizadas. Os casos que se están detectando nestes momentos son só de persoas que chegan de fóra, xente que vén de viaxe ou que volta, e das familias. 

Como se foi trasladando a información para as persoas que debían confinarse?
Os datos de contaxios transmítense dúas veces ao día e as instrucións –como tusir ou usar máscara– están pola rúa, no transporte... Ademais, nos móbiles xa funcionaba un sistema de avisos, para informar, por exemplo, dos niveis de contaminación, desde os que se están a transmitir as recomendacións. Aí tamén se informa dos positivos no teu barrio, da súa localización e movementos.

Que utilidade ten este sistema de seguimento?
A idea é que se estiveches nalgún dos lugares onde houbo casos positivos poidas avisar e facer a proba, para poder illarte e estar controlado por se se producen  síntomas. As persoas que dan positivo teñen que descargar unha aplicación no móbil que fai a trazabilidade dos contaxios. Esas persoas quedan confinadas na casa e xeolocalizadas, reciben no fogar un paquete con comida e material, como máscaras, e están conectadas coa aplicación, baixo ameaza de multas moi fortes, prisión ou deportación se se incumpren as medidas de confinamento.

Como se percibe desde Seul o avance da pandemia neste outro lado do mundo?
Desde aquí vese que se tardou moitísimo en actuar, non había conciencia da gravidade. Nós viamos o número de casos e non nos cadraban as actuacións. Tamén é certo que aquí, en Corea do Sur, estamos pegados á China, onde comezou todo.  Hai que ter en conta tamén que Corea ten experiencia con epidemias previas e os protocolos xa estaban preparados. A sensación que teño é que antes do coronavirus había unha certa idealización de Europa e dos Estados Unidos e agora, vendo o desastre que está a acontecer e a xestión da pandemia, o mito vai caendo un pouco.