A xestión da Escola Municipal de Música de Santiago, pendente dunha nova sentenza

A Escola Municipal de Música de Santiago segue pendente dos xulgados
Máis dun ano despois do feche dos traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música de Santiago no Concello, CIG-Ensino lamenta os vaivéns xudiciais derivados da decisión do antigo equipo de Goberno local, que mantén sen resolver o proceso de adxudicación do servizo.

Segundo explica nun comunicado o sindicato maioritario no sector da educación na Galiza, o recente fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre a Escola Municipal de Música de Santiago demostra que o concurso para a súa xestión “foi un despropósito desde o comezo”. No seu escrito o TSXG "confirma a sentenza anterior dun xulgado de Compostela na que se anulaba a exclusión de Esproade na primeira fase do proceso de adxudicación do servizo".

Despois deste fallo, a Escola Municipal de Música segue pendente doutra sentenza sobre "a declaración de lesividade dos pregos de contratación por parte do Concello de Santiago" que será a que determine, finalmente, a quen lle corresponde a prestación do servizo.

Neste momento, explica CIG-Ensino, os 21 traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música de Santiago permanecen no centro coas mesmas condicións laborais traballando para a empresa Trobeiro, á que se lle prorrogou o contrato tras anularse a concesión a Esproade.

Sobre o desenlace do proceso xudicial, Rubén F. Monteagudo, secretario comarcal da CIG-Ensino, apela ao actual Goberno municipal do PSOE a que busque unha solución que garanta a súa continuidade. E asegura que xa están analizando todas as vías “para que se opte pola que teña as máximas garantías xurídicas posíbeis e poña o seu foco na defensa da estabilidade do persoal”.