Debate entre Aurora González e Ximena González/Sermos249

Xestación subrogada ou ventre de alugueiro?

A xestación subrogada ou ventre de alugueiro, as propias definicións indican un posicionamento, a debate. A nova entrega da sección 5x2, que Sermos Galiza impulsa para conmemorar o seu V Aniversario reúne Aurora González, da Asociación pola Xestación Subrogada, e Ximena González, activista do movemento feminista. VÍDEO NO INTERIOR

Sermos Galiza. Xestación subrogada ou ventre de alugueiro, até a propia definición  que se empregue non é neutra, indica un posicionamento. Cal son os argumentos dunha e doutra sobre este proceso?

 

Aurora González. Cremos que xestación subrogada é o termo a empregar porque é o que se utiliza nas leis e técnicas de reprodución asistida, é o termo xurídico. Falar de ventre de aluguer insulta as familias que tiveron que recorrer a esta técnica, tamén os nenos que naceron grazas á mesma.

 

Hai dous tipos de lexislación sobre a xestación subrogada, unha de carácter altruísta e outra comercial. Pensamos que no Estado español se pode regular perfectamente esta primeira, a altruísta, garantindo sempre que as mulleres que se ofrezan para xestar para outros non estean nunha situación de necesidade económica, senón que a motivación sexa a de xenerosidade, boa vontade.

 

A nosa proposta de regulación é a mesma que contempla para gametos a lei de técnicas de reprodución asistida, que tamén estabelece que sexa unha doazón altruísta e estabelece unha compensación polas molestias e danos que pode xerar para os donantes. Nós propoñemos que estea sempre supervisada pola administración pública, que comprobaría a situación socioeconómica, física e psicolóxica das mulleres que se ofrecen para ser xestantes.

 

Ximena González. É certo que en función da terminoloxía que se adopte se escolle unha posición. Cando nos referimos a ventres de alugueiro non estamos minimizando as mulleres que se someten a esta práctica, senón que sinalamos o que se está a facer exactamente. Entendemos que non é un simple modelo de reprodución, é un modelo que pasa polo filtro do mercado. Na maioría dos casos, non hai altruísmo. Quen garante que non hai unha transacción económica? Quen decide cal é o límite da necesidade á que pode estar sometida unha muller para ir a esta práctica? Moito temo que vai ser o sistema capitalista quen decida e sabemos por experiencia que o sistema non decide nunca en favor das mulleres.

 

Non é casual tampouco que a maioría das axencias que interveñen como intermediarias nestes procesos recoñezan que naqueles países onde está regulado por altruísmo non se atopan case xestantes, e naqueles países con máis necesidades económicas é onde esta práctica é unha saída.

 

Por que non pensar en modelos de adopción? Mellor regulados, máis rápidos, máis doados, para que todas esas crianzas poidan ter acceso a un fogar. As nenas e nenos teñen dereito a unha familia.

 

[Podes ler o debate íntegro no número 249 de Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]