Máis

O xermolo do Barbanza

A anta de Axeitos, elemento senlleiro da prehistoria no Barbanza e que presenta un bo estado de conservación. (Foto: Nós Diario)
Paleopatrimonio nos montes de Ribeira.

Máis de 5.000 anos leva  a anta de Axeitos en pé na parroquia de Oleiros, no concello de Ribeira (O Barbanza). É un dos mellores referentes da cultura megalítica da Galiza, especialmente pola súa conservación. Este monumento de carácter funerario serviu como lugar onde depositar os corpos falecidos a falta de cadaleitos ou sartegos. A envergadura da construción delata a máis que posíbel boa consideración social de aqueles que xaceron nel.

Estrutúrase  en oito ortostatos de granito de canteira, nunha planta poligonal con corredor e unha irregular coroa, ademais, estímase que orixinalmente estivo cuberto de terra. Co paso do tempo deuse o espolio dos bens do enxoval funerario existente neste conxunto de tumultos.

Nas pedras aínda é posíbel ver algún gravado polo que é recomendábel fixarse nos detalles, e os ídolos achados atópanse na actualidade no Museo Arqueolóxico da Coruña. Crese que existiron pinturas tamén pero esvaecéronse. O vandalismo, minoritario, tamén estivo presente sobre este elemento, aínda que predomina a concienciación social da poboación das contornas.

As institucións ofrecen certa protección, entre as cales está o valado do recinto, así como a posibilidade de solicitar unha visita guiada. Esta anta tamén ten outro nome polo que é coñecida, 'A pedra do mouro'.

Da mesma forma que noutros lugares no país, asóciase distintas estruturas prehistóricas a nomes xurdidos no Medievo. A razón? A persecución dos cristiáns motivou que xente de orixe musulmá tivera que atopar refuxio no interior dos bosques e montes e facer vida neles.

As covas e as antas servían de lugar que protexía do mal tempo mais é posíbel que sexa a xénese da súa toponimia popular. Historicamente foi considerado un lugar referente polos intelectuais contemporáneos por mor da súa singularidade.

Por exemplo, Manuel Murguía escribiu sobre a anta de Axeitos, a revista Nós difundiu reportaxes sobre este xacemento. Ademais, na actualidade, a comunidade científica arqueolóxica considera esta anta como un 'partenón neolítico'. Unha xoia patrimonial gozada durante séculos e cuxa esencia aínda se preserva.