A Xerencia de Vigo volve pór o foco dos contaxios nas salas de café do Hospital Álvaro Cunqueiro

Sala de cafés do Cunqueiro [Imaxe: Prosagap]
Malestar entre profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo debido á retirada dos sofás das salas de descanso, "o servizo de Preventiva considera que para evitar que nos contaxiemos" esa é a mellor solución. "Sobre que deixen de facer PCR, que non haxa máscaras FFP2... non saben, non contestan".

Traballadoras e traballadores do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo denuncian que a Xerencia da área sanitaria volve pór a ollada no persoal sanitario para evitar os contaxios da Covid-19. Faino despois de se detectar un surto no centro hospitalario que levou a adiar intervencións cirúrxicas.

Desta vez, o servizo de Medicina Preventiva retirou os sofás e as cadeiras das salas de café que usa o persoal sanitario. "Non teño palabras para describir a raiba que teño por dentro. Mándannos á guerra con pistolas de xoguete e cúlpannos a nós", denuncia, ao respecto, unha sanitaria no seu perfil de Twitter.

Esta profesional da sanidade pública denuncia que as súas compañeiras e compañeiros atópanse "ao límite". "Non precisamos aplausos, precisamos dunha Xerencia que nos protexa e nos coide", engade.

Na mesma liña, Prosagap, o Sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega, critica que a Consellaría de Sanidade "premia" as traballadoras e traballadores durante a pandemia "quitándonos os sillóns que tiñamos para descansar. Na súa falta, poñen tres cadeiras".

"Din que nos contaxiamos alí. Que deixen de facer PCR e que non haxa máscaras FFP2... non saben, non contestan", advirte o sindicato.

Non é a primeira vez que unha Xerencia dunha área sanitaria responsabiliza directa ou indirectamente o persoal sanitario dos contaxios. A xerenta da área de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, curmá do presidente da Xunta da Galiza, suxerira nunha entrevista que os sanitarios e sanitarias contaxiadas enfermaran "nas salas de café". Unhas declaracións que levaron o colectivo a exixir, sen éxito, a súa dimisión ou destitución.

Máis recentemente, no caso do surto das Urxencias do Hospital Montecelo de Pontevedra, a Xerencia desta área sanitaria tamén puxera o foco dos contaxios nas traballadoras e traballadores.

Falta de máscaras FFP2

A falta de máscaras FFP2, máis seguras que as cirúrxicas polo seu alto nivel de filtrado de partículas microscópicas, é unha denuncia repetida nos centros hospitalarios da Galiza, pois a Consellaría de Sanidade só adoita fornecelas a persoas que traballan directamente con pacientes contaxiados en plantas Covid, como no caso do Hospital Provincial de Pontevedra e no de Montecelo.

Recentemente, traballadoras de Povisa, hospital privado cun concerto millonario co Sergas e no que se atende a metade das tarxetas sanitarias da área de Vigo, advertiron de que nin sequera se lles dotaba de máscaras FFP2 ás persoas que realizaban probas PCR a potenciais portadoras do novo coronavirus.